RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

Emre Çolak di sentirse xa no Dépor ''coma se toda a miña vida xogase aquí''

  Emre Çolak foi o protagonista esta mañana na sala de prensa de Abegondo. Acompañado polo tradutor Nurettin Akgöz, confesó ante os medios de comunicación sentirse "moi ben. Todo está perfecto

Medirse ao FC Barcelona este sábado 15 de outubro no Camp Nou (16.15, Bein Sports), supón para o internacional turco "unha ilusión moi grande. Como todos os partidos, tentarémolo facer o mellor posible".

A pesar da entidade do rival, o futbolista branquiazul advirte que "todos imos facer todo o posible para sacar algo positivo" do terreo de xogo azulgrana.
 
Así mesmo, terá a oportunidade de enfrontarse ao seu compatriota Arda Turam, enrolado nas filas culés. Confesa Emre Çolak "estar nervioso por iso. Ilusióname moitísimo xogar contra Arda. Foi un exemplo para min na miña carreira. Nós somos como irmáns, amigos. É unha persoa que é un exemplo para min e é moi importante na miña vida". 
 
Quixo agradecer os eloxios recibidos publicamente polo resto de compañeiros do Deportivo. "É unha honra xogar con eles. Todos son moi bos xogadores. Estou encantado. Somos unha familia", apunta respecto diso. En particular mostrouse agradecido con Fayçal, que "me axudou moitísimo co idioma. Non entendo todo pero a maioría xa entendo. Estou a tentar melloralo. O idioma do fútbol enténdoo case todo".
 
Explica sobre a súa posición no terreo de xogo que "desde que empecei xoguei de mediapunta. Aquí síntome mellor. Pero onde me diga o míster".
 
Recoñece que "cando cheguei aquí tiña dúbidas, medo, porque era a primeira vez que saía de Galatasaray, onde xoguei toda a miña vida. Pero os meus compañeiros e o técnico axudáronme moitísimo. Desde que vin aquí sentinme moi ben, moi cómodo. Agora estou coma se toda a miña vida xogase aquí".
 
En canto ao nivel da liga española, Emre comenta as diferenzas coa competición do seu país: "en Turquía o xogo é máis directo. Aquí é máis técnico, máis disciplinado. Hai diferenzas entre as dúas ligas. Mellor aquí".
 
Referiuse a Ryan Babel, con quen coincidiu en Turquía: "Vai achegar moito. En Turquía achegou moitísimo. A súa calidade xa se lle ve en todos os equipos que estivo. Cando marcou gol (o pasado sábado ante o Sporting de Xixón) eu estaba máis feliz que el".