RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Estamos en boa dinámica de resultados e mesmo de xogo, de goles", opina Borja Jiménez

Borja Jiménez subliñou na sala de prensa do Anexo ao Estadio José Zorrilla que o choque desta noite "era un partido importante para nós porque cando uno non pode ser campión ten que ser subcampión. Estivemos ben. Os xogadores están en moi bo momento. Eles séntense con confianza. Levamos creo que 11 goles nos 3 últimos partidos. Estamos de cara a porta tendo acerto, que para nós é importante. Hoxe a nivel defensivo, sobre todo a segunda parte, melloramos moito. A primeira parte custounos un pouquiño máis entender como había que defender as situacións de paredes, pero contento polos xogadores, pola imaxe, un pouco amolado polo Valladolid, que xa sabedes que lle teño moito agarimo".

Admite que esta semana pensarán o asunto dos xogadores con 4 cartóns, caso por exemplo de Miku: "Veremos cal é a mellor decisión, pero creo que non temos que correr ningún risco no momento no que estamos, coa situación que temos clasificatoria, que non podemos ir nin para adiante nin para atrás. Entón tentaremos que ningún teña que asumir riscos para que se poida perder o tramo definitivo. Hoxe volveron a participar xogadores que facía tempo que non o facían. Vimos unha versión de Álvaro Rei moi boa, continuidade de Yeremay nas súas accións, Josep, que me gustou moito nos seus minutos, Doncel... Contento con todos eles, que vaian achegando. E díxenvolo o outro día na previa. Non temos ningún xogador desconectado e iso para un adestrador é moi difícil de conseguir e do que sinto moi orgulloso".

Insiste o adestrador deportivista que "a mellor maneira de chegar era gañar partidos. Agora estamos en boa dinámica de resultados e mesmo de xogo, de goles. Vai ser paradoxal, pero terminaremos sendo case os que máis goles fixeron, os que menos encaixaron, unha puntuación moi alta e por desgraza o que nos doe realmente é non poder ser campións, pero si que é verdade que chegamos en bo momento. Díxeno o outro día, independentemente do que pasase, as sensacións co xogador agora son moi boas. Quedaron atrás todas esas dúbidas que puidemos ter aí en febreiro e agora xa só centrámonos no play off. Temos un partido o sábado en ABANCA-RIAZOR moi importante e só porche a camiseta do Dépor xa significa ter que gañar. Ímolo a afrontar con todas as garantías, sen correr ningún risco que nos poida prexudicar en 7 días".

Borja Jiménez lembra que "a #ANOSAFORZA durante todo o ano non podemos porlle ningún pero porque estiveron sempre co equipo. Non escoitei ningún asubío en ABANCA-RIAZOR durante o ano. Se cadra non son consciente, pero non tiven esa percepción de que a afección se puxese na nosa contra en ningún momento e posiblemente tivesen aí un tramo de temporada que se podían haber impacientado co equipo. O que tiñamos moi claro é que sempre iamos defender o escudo coa máxima profesionalidade e sabendo todo o que representa e creo que iso o equipo fíxoo todos os días. Hai días que podes estar máis acertado, menos, pero o equipo sempre tentou dar a cara, que é o mínimo que lle podes pedir. Como dixen antes, creo que temos números bos, pero non nos vai a dar".