RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Gaby disputará a Copa América con Venezuela

Gabriela García 'Gaby', xogadora do Deportivo ABANCA, foi convocada por José Catoya, seleccionador absoluto de Venezuela, para disputar a oitava edición da Copa América feminina, que se celebrará en Chile entre o 4 e o 22 de abril.

Gaby é a máxima realizadora do Deportivo ABANCA no que vai de temporada, con 24 tantos (por diante de Peke, que acumula 23) despois de 22 xornadas.

A dianteira deportivista voará a Venezuela para unirse á concentración do equipo nacional após o encontro do vindeiro domingo 25 de marzo (17:00 horas en Ponte dos Brozos) fronte ao Oviedo Moderno, capital para o desenlace do grupo 1º da Segunda División Nacional.

No sorteo celebrado o pasado 1 de marzo, a Venezuela tocoulle xogar no Grupo B, xunto a Brasil, Ecuador, Arxentina e Bolivia. O combinado 'vinotinto' xogará os seus encontros da primeira fase nas localidades de Coquimbo e Ovalle.

Estes son os partidos da primeira fase para a selección de Venezuela, dos que aínda non se fixeron oficiais os horarios:

Xoves 5 de abril
ECUADOR - VENEZUELA, no estadio Francisco Sánchez Rumoroso (Coquimbo)

Luns 9 de abril
VENEZUELA - BOLIVIA, no estadio Francisco Sánchez Rumoroso (Coquimbo)

Mércores 11 de abril
BRASIL - VENEZUELA, no estadio Diaguita (Ovalle)

Venres 13 de abril
ARXENTINA - VENEZUELA, no estadio Francisco Sánchez Rumoroso (Coquimbo)

Os dous primeiros clasificados de cada grupo acceden a un cuadrangular final, cuxas tres xornadas terán lugar o 16, 19 e 22 de abril no estadio A Portada da cidade da Serena e do cal sairá o campión.

Ademais, os dous primeiros clasificados terán billete para a Copa do Mundo Francia 2019, mentres que o terceiro accederá á repesca. Igualmente, o campión logrará a súa clasificación para os Xogos Olímpicos Tokio 2020 e o subcampión seguirá tendo opcións de acudir a Xapón a través dunha repesca. Os catro primeiros tamén obterán pasaporte aos Xogos Panamericanos Lima 2019.