RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Goleada para seguir en todo o alto (5-0)

O Deportivo tomouse cumprido desquite do CD Badajoz, ao que goleou en ABANCA-RIAZOR menos de tres meses despois de ser derrotado no Nuevo Vivero no partido que supuxo un punto de inflexión para o conxunto branquiazul na presente campaña.

Transcorreron 10 partidos desde aquela visita ao conxunto blanquinegro e o Deportivo sumou 23 dos 30 puntos en xogo, produto de 7 vitorias, 2 empates e unha soa derrota, en Santo Domingo ante o AD Alcorcón. O balance goleador é de 18 tantos a favor e só 6 en contra, 3 deles na visita ao conxunto oleiro.

Óscar Cano, preparador deportivista, realizou un único cambio con relación ao once que presentou na pasada xornada na visita ao CF Talavera de la Reina. Isi Gómez substituíu a Diego Villares, sancionado por acumulación de amoestacións.

O partido comezou con claro control deportivista, ante un CD Badajoz replegado cunha liña de cinco atrás e o exdeportivista Gorka Santamaría só en punta. O Dépor monopolizou a posesión de balón e trenzou varias accións perigosas, pero a primeira oportunidade real de gol non chegou até o minuto 12. Iso si, foi unha oportunidade tan real que se traduciu no primeiro gol do encontro. Mario Soriano empuxou ao fondo das mallas unha sensacional asistencia de Quiles, que pasou o balón entre catro defensas dentro da área para o desmarque cara ao punto de penalti do '10' branquiazul. Foi o quinto tanto do alcalaíno no presente exercicio.

O conxunto pacense estirouse a partir de entón, o que equilibrou un pouco a posesión, pero tampouco lle serviu para xerar excesivo perigo. Unha falta directa de Carlos Calderón que desviou a saque de esquina Mackay nunha espectacular intervención, no minuto 26, e unha cabezada forzada e moi alta de Gorka Santamaría, no 29, foron as súas primeiras chegadas á área coruñesa.

Con todo, no minuto 34 chegou o segundo tanto branquiazul. Unha falta lateral saída da bota esquerda de Lucas desviouna Carlos Cordero cara á súa propia portería, batendo ao seu compañeiro Kike Royo, porteiro do Xuvenil A deportivista xunto a Edu Sousa fai máis dunha década.

Cinco minutos despois, Lucas estivo a piques de aproveitar un roubo de Rubén Díez na frontal da área. O aragonés anticipouse a un pase do lateral ao central e o seu toque foi cara ao punto de penalti, onde Lucas se anticipou a Kike Royo pero o seu salto para evitar o choque co porteiro deu a Mancuso o tempo suficiente para chegar a despexar a córner.

Non perdoou o dianteiro coruñés no minuto 44. Quiles recuperou unha pelota en tres cuartos após un mal pase da zaga estremeña e buscou a Lucas na media lúa da área. O '7' branquiazul acomodoulla para a súa perna boa e bateu a Kike Royo cun canonazo aínda máis imparable após rozar nun defensa visitante.

Tralo descanso, José María Salmerón, técnico visitante, retirou a un dos seus tres centrais, Juanmi, para dar entrada a un extremo, David Soto. Deste xeito, o CD Badajoz pasou a xogar con defensa de catro homes.

De pouco serviulle a modificación porque no segundo minuto Lucas quedou ante tres contrarios despois dunha imprecisión do mediocampo pacense, revolveuse e disparou desde a frontal da área, por pouco por riba do traveseiro.

De todos os xeitos, o CD Badajoz mellorou por momentos, sobre todo entre o minuto 50 e o 60, nos que acumulou as súas mellores oportunidades. No 50, Mackay sacou unha gran man para desviar a córner un potente dereitazo cruzado de Carlos Calderón. No 53, o ecuatoguineano Jannick Buyla enviou por riba do traveseiro un libre indirecto a medio metro da liña da área. No 60, Mariano estrelou o balón no traveseiro cunha potente cabezada á saída dun córner.

O Dépor tamén tivo as súas opcións no medio dese bo momento visitante. No minuto 55, Lebedenko rematou á dereita da portería visitante un fantástico pase filtrado de Rubén Díez. Poucos segundos despois, Pablo Martínez cabeceou picado unha falta lateral colgada por Lucas e Kike Royo tocou o xusto para levar o esférico a saque de esquina.

Despois duns minutos sen accións reseñables, Álex Bergantiños substituíu ao amoestado Olabe no 74, o que lle vale para quedar en solitario na décima praza da lista de xogadores con máis partidos oficiais na historia do Dépor. Agora, o mediocentro herculino, con 328 encontros, apunta aos 331 que dan a novena posición a Pancho García e aos 340 que outorgan o oitavo posto a Ramón Piña.

Instantes despois, Saverio viu como lle era anulado un gol de maneira inxusta, após rematar practicamente a porta baleira un centro de Yeremay desde a mesma liña de fondo que o colexiado, a instancias do seu asistente, considerou que a traspasou.

Kike Royo interveu de novo no minuto 76 para rexeitar un potente zurdazo de Lucas após asistencia de Saverio. O propio Saverio, no minuto 82 e segundos despois de disparar á dereita do portal estremeño nunha acción similar, bateu a Kike Royo cun dereitazo cruzado desde o extremo esquerdo após varios recortes cara a dentro. Foi o 4-0 e o primeiro gol como branquiazul dunha das fichaxes no mercado de inverno.

Non foi o último tanto, posto que, no minuto 88, Josete derrubou a Arturo dentro da área e o árbitro castigou a acción con penalti. Lucas transformouno no 5-0 enganando ao gardameta blanquinegro. O ariete de Monelos, co seu dobrete de hoxe, suma seis dianas en oito partidos tralo seu regreso ao Dépor.

O Deportivo, que suma 14 dos últimos 18 puntos en xogo, alcanza os 49 en 25 xornadas após completar o seu cuarto partido seguido en que deixa imbatida a súa portería, o seu sexto encontro consecutivo en ABANCA-RIAZOR sen encaixar un gol e o seu duodécimo encontro coa portería a cero no campionato ligueiro. A última vez que os branquiazuis gañaran un partido oficial por cinco goles foi a vitoria por 5-0 ante o RC Celta B na 1ª xornada do pasado curso, o 29 de agosto de 2021.

RC Deportivo: Mackay, Antoñito (Trilli, min. 79), Lapeña, Pablo Martínez, Lebedenko, Rubén Díez, Olabe (Álex Bergantiños, min. 74), Isi Gómez (Arturo, min. 79), Quiles (Saverio, min. 70), Lucas e Mario Soriano (Yeremay Hernández, min. 70).

CD Badajoz: Kike Royo, Carlos Calderón (José Mas, min, 79), Juanmi (David Soto, min. 46), Josete, Mariano, Carlos Cordero, Alfaro, Mancuso (Raúl Palma, min. 70), Jannick Buyla, Adilson Mendes (Zelu, min. 79) e Gorka Santamaría (Ferrón, min. 70).

Goles: 1-0 Mario Soriano (min. 12); 2-0 Carlos Cordero, en propia meta (min. 34); 3-0 Lucas (min. 44); 4-0 Saverio (min. 82); 5-0 Lucas, de penalti (min. 88).

Árbitro: González Díaz (c. asturiano). Cartón amarelo a Mariano (min. 9), Olabe (min. 24) e Josete (min. 87).

Incidencias: partido da 25ª xornada do Grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 18.143 espectadores.