RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Ian Mackay explica que sufriu a pasada semana un episodio de desmaios e "onte déronme permiso os cardiólogos para reincorporarme"

Ian Mackay compareceu esta mañá ante os medios de comunicación na sala de prensa de Abegondo.

En primeiro lugar, o gardameta coruñés explicou a situación que viviu a pasada semana e que lle obrigou a quedar na Coruña e non entrar na lista de convocados para o partido en Majadahonda co obxecto de "tranquilizar un pouco á xente. Había moita xente preocupada e preguntándome que pasara. O xoves estaba na miña casa ceando tranquilamente e sufrín un episodio de desmaios. Atopeime mal e fomos ao hospital despois disto. Decidiron que tiña que pasar a noite en observación. Até o día seguinte non me deron o alta e ata que tivésemos todas as probas pertinentes e que saísen todas ben o cardiólogo non nos deu permiso para poder reactivar a actividade deportiva outra vez. Tiven a sorte de que todas as probas saíron correctas e onte déronme permiso para reincorporarme aos adestramentos".

Desvela que o luns, no que xa fixo algunha tarefa co adestrador de porteiros Alberto Casal, "estaba a facer unha das últimas probas para que desen resultados bos, para ver que estaba todo ben, poder reincorporarme e poder axudar no que poida ao equipo".

Comenta que xa "estou ao cento por cento. Foi un susto, non vou mentir. Unha cousa que non me pasou nunca e ao final teño a tranquilidade de estar examinado por todos os médicos e comprobar que todas as probas saíron ben. Foron bastantes probas e que o cardiólogo dese permiso para poder volver facer todo normal para min é un alivio".

Confesa que "medo tiña por se saía algo mal. Como saíron todas as probas ben e foi todo ben non teño medo. Eu estaba tranquilo, entre comiñas, ata que me desen todos os resultados, por que foi ese día só, nese momento. Logo en todo momento atopábame ben, pero é normal que todos os médicos quixesen ver que todas as probas estivesen ben para estar seguros ao cento por cento".

Conta ademais que "estaba amolado porque quería axudar ao equipo e poder viaxar, pero os médicos decidiron que ata que estivesen todas as probas feitas e ao cento por cento correctas non me deixarían. É lóxico".

Respecto á substitución no banco, un dos capitáns do cadro apunta que "son decisións que veñen desde arriba. Quizá non estabamos ao nivel que nos gustaría a todos. Non estabamos a conseguir todos os resultados que nos gustaría e eu póñome diante de todos. Non estamos ao nivel que temos que estar a dar e decidiron facer este cambio de rumbo e ver como van as cousas. Oxalá que nos vaia ben e vaiamos cara arriba".

Na súa opinión, "había moitos factores polos que non estabamos a dar o rendemento. Non sei se o aspecto mental é un dos problemas. O fin é que non estabamos soltos de todo, non estabamos a facer todo o que sabemos. Non me gusta moito falar en rolda de prensa do que pasou. O que quere #ANOSAFORZA é que falemos no campo, que é o que temos que facer".

Mackay subliña que a Óscar Cano "coñézoo de enfrontarme a el bastantes veces. Estaba no CD Castellón cando estaba en Sabadell. Estabamos a nos xogar a liga, o primeiro posto, en todo momento. Logo enfronteime con el cando estaba no Salamanca e eu na Ponferradina en Segunda División; e o ano pasado co CD Badajoz. Xa son 5 ou 6 veces que nos enfrontamos".

Recalca que "ten unha idea de xogo clara, téntao expoñer desde o principio. Onte xa vimos algúns conceptos do que el quere. Vai un adestramento só, esperemos que de aquí á fin de semana podamos coller todos os conceptos que el quere para podelos plasmar no campo".

Finalmente, lamentouse de non estar dispoñible "por desgraza" nos últimos días de traballo de Borja Jiménez no Dépor pero recalcou que "lle desexo o mellor. Mentres estivo aquí traballou moitísimo, tentou axudarnos en todo o que podía, que estivésemos soltos. É unha pena non conseguir o obxectivo primeiro o ano pasado e este ano que se tivese que marchar. Deséxolle toda a sorte do mundo e moitas grazas pola parte que me toca, porque comigo me demostrou esa confianza desde o principio".