RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

Igualada pola igualdade entre o Dépor Genuine e a CRTVG en Abegondo

O campo 1 da Cidade Deportiva de Abegondo acolleu esta mañá un encontro inclusivo de fútbol 8, no que se mesturaron xogadores do Deportivo de LaLiga Genuine e traballadores da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), con motivo do Día Internacional do Deporte para o Desenvolvemento e a Paz promovido pola ONU.

O RC Deportivo, sempre presto a traballar en favor da integración a través das iniciativas lanzadas pola Fundación RC Deportivo, colaborou nesta ocasión cedendo as instalacións da Cidade Deportiva. Igualmente, 12 xogadores do equipo branquiazul que participa en LaLiga Genuine saltaron ao céspede de Abegondo, a pesar de que outros 16 desprazáronse a Madrid esta fin de semana para disputar a terceira xornada desta competición.

O encontro finalizou con empate (2-2), con goles marcados por Roi Vázquez e Cristian Vázquez para un dos equipos e por Nikita Kharlamov e Álex Gómez polo outro. Malia que a climatoloxía non acompañou, a convocatoria foi todo un éxito de participación e de público.

Ademais, o xornalista Alfonso Pardo fixo en directo o programa 'Convivir deportivo' da Radio Galega, que tamén se emitiu pola web crtvg.gal. O ente autonómico lanzou a súa primeira campaña de RSC en 2019 subliñando o potencial integrador do deporte para unir ás persoas e romper prexuízos, co hashtag #NonMiresXoga.