RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

Insua renova a súa vinculación co Deportivo ata 2018

Unha das perlas da canteira deportivista, Pablo Insua, renovou esta noite a súa relación contractual co Dépor ata o 30 de xuño de 2018. O acordo asinárono na sede do Club na Praza de Pontevedra, o futbolista e o presidente do Deportivo.

Pablo Insua Branco (Arzúa, 9 de setembro de 1993), formado nas categorías inferiores do conxunto branquiazul, ao que chegou con 12 anos, converteuse por dereito propio nun dos centrais con maior proxección do fútbol español.

No Club, aínda en idade xuvenil, era titular indiscutible no Fabril de Segunda División B. No primeiro equipo foi un dos máximos goleadores da pretemporada 2012-13 e debutou esa mesma campaña en Primeira División da man de José Luís Oltra.

O dorsal 28 do Dépor  é internacional nas categorías inferiores da selección, coas que conseguiu o Europeo sub-19 en 2012. Tamén entrou nalgunha convocatoria da Selección Sub-21, aínda que aínda non debutou.

Esta tempada leva disputados 29 partidos, todos eles como titular, sumando un total de 2694 minutos e 2 goles. Hai uns días, xunto a Bicho, foi elixido o Comité Técnico de Fútbol Draft para estar entre os 132 candidatos que optarán a formar parte dos onces de ouro, prata e bronce da canteira do fútbol español.

O defensa deportivista comparecerá mañá ás 13:00 horas na sala de prensa de Riazor para valorar o compromiso alcanzado co Dépor.