RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Irene Ferreras: "As xogadoras están a dar un paso adiante en todas as cousas que lles pedimos"

Irene Ferreras, adestradora do Deportivo ABANCA, comentou esta mañá en rolda de prensa que ao CP Cacereño, rival este domingo 2 de outubro ás 12:00 horas, "coñézoo bastante ben. Foi o segundo do grupo Sur de Reto Iberdrola o ano pasado, non por casualidade senón polo bo traballo e polo altísimo nivel competitivo que presenta tanto cadro como corpo técnico".

Comenta que "é un equipo moi traballado, organizado defensivamente, moi contundente na súa última liña, con xogadoras no centro do campo con bo pé, con capacidade asociativa, con últimas xogadoras de ataque con características moi diferenciais. Para min é un dos mellores equipos ao que nos enfrontamos até o momento. Supón un reto importante porque imos ter que sacar nosa mellor versión se queremos traernos 3 puntos de alí. Asumímolo con esa ambición e esa ilusión de afrontar un desafío difícil, pero que podemos conseguir".

Así pois, vaticina "un partido igualado. Neste caso é un equipo que está moi feito. Leva xa tempo traballando co mesmo corpo técnico e o mesmo groso de cadro, coas ideas moi claras. É certo que nós temos moito talento, non deixamos de ser un equipo que se está aínda apontoando e que está a mellorar cousas no día a día".

Pedirá ao seu equipo "facer un partido serio desde o de tentar non recibir ou ser moi sólidos atrás porque sempre temos as nosas oportunidades, porque sempre xeramos ocasións. Por ser fóra, polas condicións do rival e do campo probablemente non podamos xerar o mesmo volume de ocasións que facemos aquí en Abegondo. Por iso necesitamos que o equipo estea metido, que esteamos dentro do partido e que coidemos moi ben eses pequenos detalles que son os que van marcar a diferenza".

Líder da categoría con dúas contundentes vitorias en Abegondo e un empate, Irene Ferreras móstrase "satisfeita por como se están dando o resultados pero sobre todo por como está a traballar o grupo. As xogadoras están a dar un paso adiante en todas as cousas que lles pedimos. É unha marabilla traballar con elas. É un grupo moi san. Cando os resultados che axudan todo isto roda moito máis fácil. Imos tentar aproveitar esta enerxía que nos está dando esas sensacións que temos adestrando, que temos xogando, que temos en canto a resultados para tentar alargalo e para tentar seguir crecendo a partir de aí".

Finalmente explica a súa concepción de equipo camaleónico, que se adapta aos diferentes contextos: "Non é unha cuestión tanto de que deamos unha versión ou outra, senón de que demanda o contexto e que sexamos capaces de actuar. Se póñoche de exemplo o partido que xogamos en Oviedo é un tipo de fútbol diferente, no sentido de que se cadra non temos tanta posesión ou non temos o dominio en campo contrario constantemente, pero é un partido serio visto desde outro punto de vista. E creo que é o paso que debemos dar se queremos ter unha estabilidade a nivel de resultados e que nos permita sacar bos resultados fóra. Esta nova competición ten un nivel de esixencia moi grande. Calquera rival, absolutamente calquera rival, pódeche quitar puntos. Diso tamén imos vivir porque o resto tamén se deixará puntos, pero o equipo mentalmente ten que ser moi forte porque cando saes a este tipo de campos, con rivais deste talante diante, ninguén regala nada".

Por conseguinte, valora a adestradora deportivista "controlar moitas cousas no xogo, o equipo está a crecer moito en faceta defensiva. Está a empezarnos a gustar mesmo ter eses momentos de ter que remar, de ter que despexar, de ter que xuntarnos, sufrir e non sentirnos incómodas, porque se renunciamos a non facer ben iso, creo que perdemos unha probabilidade de gañar partidos. Tentamos mellorar en cada faceta para que cando se presenta a situación, o equipo teña capacidade de reacción".