RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Irene Ferreras cualifica o choque ante CDF Osasuna como "de máxima esixencia"

Irene Ferreras cualificou esta mañá en rolda de prensa o partido ante o CDF Osasuna Femenino deste domingo 16 de outubro ás 12:00 en Abegondo, correspondente á 5ª xornada en Primera Federación FutFem, como "de máxima esixencia, a tónica habitual desta liga".

A adestradora do Deportivo ABANCA ve ao equipo rojillo como "candidato ao ascenso" e esta condición achega "un plus máis de motivación, pero afrontámolo como un partido máis en casa no que temos que sumar 3 puntos, volver á liña boa e atoparnos cun bo resultado que nos permita encarar a semana que vén con confianza".

Subliña que o CDF Osasuna Femenino "é un equipo moi agresivo, que traballa moi ben defensivamente, que tentará provocar os erros, que tentará atacarnos en transición".

Así pois, pedirá ás súas futbolistas "estar precisas, controlar ben o partido, que o equipo estea equilibrado en todo momento que nos permita facer unha boa presión após perda, conceder as menores ocasións en canto a que teñamos que correr pouco cara atrás e sentirnos cómodas niso, sabendo que é un rival que en cada situación de roubo que se xere vaiche a buscar as costas, compite moi ben, é capaz de facer gol de calquera situación aínda que non sexa moi clara. Iso vainos a obrigar a estar alerta e con máxima concentración todo o partido".

Despois da derrota da última xornada, hai 15 días, en Cáceres, Irene Ferreras cre que "hai que ser capaces de competir coa mesma motivación e esixencia en cada partido; e aí vaise a marcar a diferenza en canto a continuidade".