RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Jaime Sánchez cualifica a pretemporada de "moi boa, o equipo fixo grandes partidos"

Jaime Sánchez foi o protagonista esta mañá na sala de prensa.

O central gaditano, que renovou este verán o seu contrato no Dépor até xuño de 2024, afirmou que "tivemos unha pretemporada moi boa, o equipo fixo grandes partidos. Ímonos con boas sensacións de cara ao comezo de liga e sobre todo para as fichaxes novas que tiñan que adaptarse un pouco ao xogo do míster e para os que xa estabamos o ano pasado. Súper boas sensacións e súper contentos".

Espera que o DUX poida saír a competir este sábado 27 de agosto en ABANCA-RIAZOR (19:30 horas) aínda que asegura que nós sabemos o mesmo que sabedes vós (en referencia aos medios de comunicación). No entanto, parécelle "complicado que se xogue porque se non hai xogadores suficientes é complicado. Esperemos que se solucione máis que nada porque é unha pena que empecemos a liga con 19 equipos".

Así pois, desexa que "a Federación solucione o tema como eles crean conveniente e oxalá o DUX poida participar; e se non é o DUX, calquera outro equipo, pero que a liga teña 20 equipos sería o idóneo".

Sorrí lembrando que o Club leva "tres anos con situacións estrañas, pero hai que deixar de lado iso, facer o noso traballo e sexa con 19 ou con 20 equipos, loitar polo obxectivo que segue sendo o mesmo do ano pasado: subir a Segunda División".

É consciente que "os xogadores que estamos, case todos os mesmos, somos un perfil de xogador e é difícil cambialo. Temos as nosas virtudes e obviamente os nosos defectos e temos que traballar, que xa o estamos facendo, neses defectos que se cadra o ano pasado custáronnos un pouco máis. Os centros laterais estamos a traballalos bastante, varios días á semana e nós estamos a poñer todo da nosa parte por mellorar ese aspecto e este ano tentar encaixar os menos goles posibles".

Con tres centrais puros agora en cadro, lembra que "Dani Barcia ten moito talento. É moi novo, quédalle moito por aprender, pero pode ir incorporándose á dinámica do primeiro equipo; e logo temos aí tamén a Alex Bergantiños, que como sabemos pode facelo aí perfectamente. Entón creo que está bastante cuberto, pero os que deciden son a Dirección Deportiva, o míster, e se vén algún compañeiro máis encantado, e se non esa posición está bastante ben cuberta".

Precisamente sobre Dani Barcia opina que "o mellor é que non se fale moito, deixarlle tranquilo porque demostrou cando tivo que demostrar que é moi bo xogador, pero é moi novo. Eu diríalle que aproveite a oportunidade cada vez que teña a oportunidade de estar connosco e que siga traballando igual que o está facendo".

Asegura que Borja Jiménez non falou cos centrais, que durante os partidos desta pretemporada cambiaron de banda: "Simplemente considerou nalgún partido poñernos diferente ao ano pasado pero o motivo non o sabemos. Estamos cómodos tanto na dereita como na esquerda, ou sexa que non temos ningún problema nese aspecto".

Finalmente o defensor deportivista dixo descoñecer a situación de Lucas Pérez no equipo da súa provincia, o Cádiz CF, e sostén que "se é verdade que ao final vén, nós encantados. E se non lle desexo o mellor no Cádiz, que tamén está nun moi bo Club". "Non sei nada dese tema, sei o que pondes vós (os medios de comunicación). Oxalá que veña porque está claro que sería unha fichaxe dun nivel incrible, pero non sei nada", conclúe.