RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Lapeña: "Os números que temos son moi bos, moi altos, pero temos que seguir co pé no acelerador"

Adrián Lapeña non se fía da puntuación que leva agora mesmo o Dépor, 40 puntos a falta dun partido para concluír a primeira volta, e advertiu en rolda de prensa que "se o fútbol fose estatística nós dobrariamos a puntuación e ascenderiamos, pero como creo que non o é, que o fútbol son outras moitas cousas, temos que seguir traballando duro. Os números que temos son moi bos, moi altos, pero temos que seguir co pé no acelerador porque se nos relaxamos, os 40 puntos que levamos non nos servirán de nada a final de ano".

O defensor branquiazul admite a importancia do partido de final de mes en ABANCA-RIAZOR ante o Real Racing Club "pero creo que antes temos dous e que se non poñemos a cabeza tanto en DUX como en Zamora xa o podemos facer moi ben a xornada contra o Racing que non servirá de nada. Por tanto, o partido do domingo que vén contra o DUX igual é un dos máis difíciles da liga polo que leva o equipo, o terreo de xogo. A cabeza témola que ter o cento por cento posta no primeiro partido e logo xa o partido do Racing chegará e a darlle a importancia que se merece".

Cre que este parón na liga desta fin de semana "é un pouco atípico porque nunca se deu, pero polas circunstancias que hai estipulouse que houbese este parón. Non é fácil porque volvemos de Nadal e xa colleramos outra vez a dinámica de competición, pero serve para recuperar, para mellorar conceptos que temos que incluír no noso xogo e aproveitarémolo da mellor maneira posible para volver a semana que vén, que temos tres partidos importantes".

Precisamente con tres partidos logo en apenas sete días (DUX Internacional o 23, Zamora CF o 26 e Real Racing Club o 30 de xaneiro, estes dous últimos pendentes de confirmación oficial), Lapeña está confiado en que o equipo responderá porque "aquí controlamos ben as cargas e podemos chegar aos tres partidos en condicións moi óptimas".