RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Miguel Llorente asegura facer fincapé en "reforzar a nosa identidade, que é o que nos vai a levar ao ascenso"

Miguel Llorente admitiu este mediodía na sala de prensa de Abegondo que a derrota da pasada fin de semana na Ciutat Esportiva Dani Jarque ante o RCD Espanyol "foi un pau". Iso si, advirte que "dixen aquí que podía ser que fósemos e perdésemos. Contaba con iso porque se hai algún partido no que tes máis posibilidades de perder son ese tipo de partidos, contra un recentemente descendido como é o RCD Espanyol, cun orzamento de Primeira División. Son os partidos que sabes que tes máis posibilidades de perder. Perdeuse. A viaxe de volta foi máis dura do habitual porque o estado anímico non é o mellor, pero ao día seguinte estabamos moi ben outra vez".

Subliña que en Barcelona "xa vimos o que non funciona e a partir de aí saber que non pode volver pasar, que non se poden volver repetir eses fallos e deixar de ser nós. Deixamos de ser nós e aproveitouse o RCD Espanyol".

Cre que nesa visita "mestúranse varios temas: a volta de Nadal, a viaxe, que foi un pouco máis dura do normal... Cousas que se mesturan que ao final fan que non saias quizais como teñen que saír e vaias por un camiño que realmente non é o idóneo porque non é o noso; e cando queres volver non sabes volver e entón xa non sabes darlle a volta a ese partido. Ademais, márcannos no minuto 12, nós temos varias e non marcamos. Fútbol á fin e ao cabo".

Do partido de mañá sábado 15 de xaneiro no Municipal de Pradejón (16:30 horas), lembra que "levo semanas e semanas falando do Pradejón e do Parquesol, por esa orde. O Municipal de Pradejón é un campo que se enche, teñen xogadoras moi rápidas arriba, de calidade. Unha idea parecida ao FC Levante Las Planas, é un equipo que se lle deixas xogar pódeche crear problemas. Nós imos ao mesmo, a que teñan o mínimo de balón posible para que esas posibilidades de facernos dano sexan as mínimas. O que imos tentar é que perdan a súa esencia, o que conseguiu do RCD Espanyol connosco tentarémolo esta semana co Pradejón".

Pide o adestrador deportivista tamén que "non nos afecte do todo o frío que vai facer, o campo, a xente, o estado do terreo de xogo; e a partir de aí coller o noso camiño, o que facemos sempre".

A pesar de ser un rival modesto, sen o lustre do RCD Espanyol, Miguel Llorente asegura que durante a semana de adestramentos "elas xa me notan o estado que estou eu cando adestro. Eu nótoas a elas no estado que están cando adestran. Entón non fan falta palabras. Non falamos moito do CD Pradejón, pero coa nosa maneira de xogar, de adestrar, de practicar, de relacionarnos sabemos que todos os partidos son difíciles e este máis aínda, polo que nos imos atopar alí. Entón non fixemos nada en especial, pero si reforzar a nosa identidade, que é o que nos vai a levar ao ascenso".