RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Miguel Llorente, cunha confianza "imperturbable" no Dépor ABANCA, cre que "estamos no mellor momento da temporada"

Miguel Llorente manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que o RCD Espanyol, rival mañá sábado 8 de xaneiro ás 12:00 na Ciudad Deportiva Dani Jarque, "é un equipo cunha idea diferente á nosa. Volvo repetir e sempre direi que nin mellor nin peor, diferente. Creo que temos as claves para afrontar ese partido da maneira non vou dicir segura porque o mundo do fútbol seguro non hai nada, pero si que coas garantías suficientes como para levarnos os tres puntos".

Lembra o técnico deportivista que o conxunto catalán "é un equipo que vén de Primeira, con xogadoras de calidade, grandes, fortes, fisicamente potentes, que lanzan, que buscan as costas... O que nos adoitamos atopar en Reto Iberdrola, salvo tres ou catro equipos que fan algo diferente".

Por conseguinte, advirte que "se nós non estamos ben, pódennos amolar o día de mañá. Pero tamén creo que se estamos ben, levarémonos os tres puntos".

Con pasado no FC Barcelona, Miguel Llorente apunta que é "madrileño, por tanto ese derbi catalán non me pilla tan de preto como lle poida pillar a calquera adestrador do Barça ou do Espanyol, que si que se sabe que hai esa rivalidade. Tamén dígoche que estando alí sempre tiven boa relación coa xente do Espanyol. Estas rivalidades de portas cara a fóra están moi ben porque lle dá un pouco de salsa á historia, pero creo que ao final queda aí. É un equipo que estivo toda a vida en Primeira ou moito tempo en Primeira e merece todos os meus respectos e a miña admiración".

Sen competir desde mediados do pasado mes de decembro, o adestrador branquiazul expresa unha "certeza absoluta" no Dépor ABANCA: "Nunca tiven tanta seguridade nun equipo como no noso. Como saír á rúa e que faga sol; e de súpeto cáiache un ballón e volvas empapado a casa. Pode pasar que o equipo falle porque son humanas. Podo fallar eu, pode fallar calquera e podemos volver o sábado pola noite perdendo, por suposto. Pero a confianza que teño no equipo é imperturbable".

Nesta liña, está convencido que "estamos no mellor momento da temporada e que vai ser moi difícil quitarnos os tres puntos. Dígoo desde a humildade e desde a confianza cara ao equipo".

Non lle preocupa Karpova, a dianteira rusa do equipo espanyolista: "O importante é que nós saibamos facer o noso absolutamente ben e a partir de aí ir axustando máis en función do rival. Enganaríache se dixéseche que imos facer algo diferente porque xogamos contra unha xogadora ou contra outra. Non o fixemos nunca e non creo que o fagamos nunca. ¿Cal é o noso obxectivo? É que ese balón non chegue nin a Karpova nin a ningunha outra, téndoo nós. Se podemos ter un 90% de posesión non por tela, senón porque non a teñan elas, mellor que mellor. Entón os nosos esforzos van enfocados a tela ben e sempre que podamos. Por tanto, evitar que cheguen eses balóns coa presión após perda que facemos a xogadoras que poden ser máis desequilibrantes, como pode ser ela".

Con máis da metade da liga por diante, Miguel Llorente subliña que "golpe encima da mesa é mañá, pero un golpe tamén moi importante encima da mesa é o día do CD Pradejón, e o día do CD Parquesol. Obviamente tópico do fútbol partido a partido si, pero teño eses tres partidos en mente importantísimos. E o Espanyol é difícil, moi difícil; pero ollo ao CD Pradejón e ao CD Parquesol. Cando os rivais son máis próximos afrontámolo dunha maneira e cando os vemos máis afastados na clasificación, os equipos, os adestradores e os xogadores tenden a relaxarse. E aí está o perigo. A min o Espanyol non me preocupa porque sei que o consideramos importante. O que me preocupa é que non se considera importante a Parquesol e Pradejón pola clasificación e cheguemos alí e levémonos sorpresas. Golpes encima da mesa son todas as semanas e diría que mesmo en todos os entrenos. Segundo vai pasando o tempo, imos gañando ao noso favor, pero temos que estar serios ou serias e gozando e practicando ben en todos os entrenos e en todos os partidos".

Finalmente, preguntado polo mercado de inverno, indica que se podería reforzar o cadro "pero non o temos claro. De feito estamos contentos co que temos. Entón si que nos expuxemos, estivemos mirando cousas, pero non movemos nada, cremos cento por cento no que temos. Se houbese algunha baixa, algunha lesión de longa duración, entón sería outro outro guión, pero neste momento, de momento non temos nada e de momento non imos ter nada".