RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Miguel Llorente: "Foi unha temporada de moito desgaste e o mellor era non continuar"

Miguel Llorente despediuse esta mañá na sala de prensa de Abegondo despois "dunha etapa curta pero intensa. Tivemos todos e todas unha aprendizaxe que nos servirá no futuro. Para iso estamos aquí e para iso facemos o que facemos, desde a paixón e desde a convicción. Se esta temporada foi como foi, obviamente eu, como responsable, teño parte de responsabilidade, non diría tanto de culpa, pero si de responsabilidade facer autocrítica. Dar as grazas a todos os que estivestes comigo esta temporada, moitas grazas ao Club e a #ANOSAFORZA".

O ex técnico do Deportivo ABANCA conta que "as rapazas xa se foron onte de vacacións. Fóra o que fóra tiñan que irse sabendo o que ía pasar e se continuaba ben, e se non continuaba, poder despedirme delas. Falando con David (Villasuso), que é principalmente co que falei sempre desde que cheguei e durante toda a miña temporada aquí, decidimos que non continuamos co contrato, principalmente, e aí estou totalmente de acordo con el, porque foi unha temporada de moitísimo desgaste. Cando estás inmerso na competición e nos partidos es consciente, pero ese afán de competición e de supervivencia faiche seguir tirando, seguir tirando e seguir tirando. Onte foi un día convulso, intenso tamén, pero hoxe, despois de durmir e estar máis descansado, sinto un alivio e unha relaxación de terminar. Estamos de acordo que ao final foi unha temporada de moito desgaste, e que o mellor era non continuar porque unha temporada máis, aínda que estivese as vacacións polo medio, se non se fan depende que cambios, podería ser unha temporada moi similar".

Fai un balance "positivo. Poderíase dividir en parte deportiva e parte persoal. Na parte deportiva creo que a primeira volta que facemos é moi boa. Chegaron a facer un xogo que eu en ningún equipo conseguira facer en tan pouco tempo. Gozamos moito tanto fóra como dentro. Lembro o día despois do Oviedo que me emociono e digo que é máis polo como que polo que. Iso lévomo para min e todas as xogadoras lévano tamén para elas. Houbo partidos realmente bos e creo que esa primeira volta é moi boa. A segunda volta é mala. A partir de febreiro chegan catro lesiones moi importantes, logo chega a quinta de Paula o día do SE AEM. E a partir de aí empezamos a deixarnos puntos. Era algo bastante lóxico. Logo pasa o de Ana González, que obviamente agora véndoo con perspectiva ten unha repercusión enorme e ao final termina a temporada. Podería terminar peor, a verdade, pero terminamos cun bo partido o outro día en ABANCA-RIAZOR. É un bo fin de temporada. Somos o equipo menos goleado de toda a categoría, o terceiro equipo máis goleador, tivemos xogadoras na selección, fixemos un moi bo xogo, fomos un equipo bastante deportivo, non tivemos ningún problema con árbitros ou con equipos rivais, felicitóusenos pola nosa actitude á hora de deixar limpos os vestiarios, por exemplo, que é algo moi importante e que ninguén destacou e deberiamos facer todos. Para min o balance é moi positivo e se deportivamente é positivo, persoal o é máis. Puiden aprender moitísimo. Ese punto de autocrítica nunca debe faltar e a min nunca me faltou. Teño moitísimas cousas que mellorar e tamén creo que fixen moitísimas cousas boas. Vaia onde vaia repetir as cousas boas que fixen aquí, que me deron resultado. Lévome o agarimo da xente do Club e así mo fixeron saber cara a cara, fixéronmo saber por mensaxes e iso é o que máis me quedo. É o que nos levamos, o agarimo da xente, o agarimo de #ANOSAFORZA".

Describe o momento da despedida no vestiario como "emotivo. É un ano véndoche as caras en todo momento. Foi moi emotivo o final do partido en ABANCA-RIAZOR, onde puiden recibir o seu agarimo e de aí a miña emoción nos últimos minutos, porque despois de todo o que pasou, recibín moito agarimo. Onte foi máis do mesmo. Comuniqueillo á primeira hora, logo fómonos a comer e recibín agarimo. Despois de todo o que pasou, despois desa distancia que tivemos, porque tivemos distancia por todo o que pasou acabar así de ben, acabar con eses abrazos, con esas mensaxes, con esas palabras e poder acabar comendo xuntos é a mellor maneira de terminar unha temporada que foi moi dura, pero terminamos da mellor maneira posible, conseguindo a salvación".

Considérase "o máximo responsable, por tanto sería absurdo dicir que eu non teño nada que ver. Se eu son o responsable teño que facer autocrítica, pero unha cousa é autocrítica e outra cousa é até onde se chegou esta temporada; que a min me sabe mal que se relacione o meu nome con depende que conceptos. Teño a conciencia tranquila porque a xente do Club sabe perfectamente o que pasou, saben con nomes e apelidos os motivos polos que vén este desgaste".

É máis, Miguel Llorente admite que "os resultados non son os que se esperaban. Obviamente o adestrador non debe continuar. ¿Que podería ser doutra maneira, sabendo de onde vén o desgaste, porque todos sabemos de onde vén o desgaste, e empezar unha nova temporada limpando depende que cousas e a partir de aí...? Podería ser, pero entendo a decisión. De feito falei con David, faleino con Rocío (Candal). Paréceme que seguen facendo as cousas ben, porque eles teñen que mirar polo Club. Eu son o responsable, son a cabeza visible do proxecto e se o proxecto non funcionou, o normal é que eu non continúe. Sigo dicindo que estou agradecido ao Club, que se fixeron as cousas ben. Iso non quere dicir que eu o fixera diferente, pero respecto totalmente a decisión. Creo que se fixo con sentido común, fíxose pensando no Club e cada un ten que pensar en por si e se eles consideran que o mellor para o Deportivo ABANCA é que eu non continúe, posiblemente estean no certo e sigo pensando que está ben feito e creo que é unha boa decisión".

Non oculta que lle gustou "continuar até o final todo o que fixemos na primeira volta, porque se conseguiu nun tempo marca e iso non mo vai a quitar ninguén. A pesar de facer autocrítica, aí hai cousas que afectaron a ese rendemento deportivo e futbolístico que non podes controlar. O fútbol é así. O fútbol é como a vida, que todo ten relación con todo".

Finalmente leva a espiña de "non ascender e ao non ascender, polo menos manter este nivel de xogo e esta identidade que é importante para os equipos tela até o final".