RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA, despois de adestrar "con moita enerxía", recibe ao Granada CF, rival directo cun punto menos na táboa

O Dépor ABANCA mídese mañá sábado 1 de abril ás 12:00 en Abegondo (Youtube RC Deportivo), ao Granada CF, un rival directo na loita polo ascenso e os playoff, en partido correspondente á 25ª xornada en Primera Federación Iberdrola.

O empate en Córdoba deixou ao Dépor ABANCA na 3ª posición con 42 puntos, os mesmos que o CDF Osasuna Femenino. Por diante marcha a SD Eibar (2º con 43) e o FC Barcelona B, líder con 49 puntos pero que non pode ocupar a praza de ascenso directo pola súa condición de filial; e por detrás xa vén o Granada CF, 5º con 41 puntos.

Irene Ferreras recupera a Millene, que non viaxou a Córdoba a semana pasada a consecuencia dunha lumbalxia. Paula Monteagudo será a representante de #ANOSACANTEIRA na convocatoria de 18 futbolistas.

A adestradora deportivista congratulouse esta mañá na sala de prensa de "ter a todo o cadro dispoñible, adestrando con moita enerxía".

Desvela que "cando as cousas non saíron do todo ben e empeza a semana custa levantarche; cando as cousas se torcen hai que tirar de disciplina. Foi unha semana de cambio de mundo. Revertemos unha situación emocional que nos estaba minguando un pouquiño. Estou moi satisfeita e moi contenta co que respirei estes días".

Ve a un equipo "con ganas de quitarse esa tensión, de volver ser o Dépor ABANCA que estabamos afeitos ver sobre todo aquí en Abegondo. Estou moi contenta por iso. Moitas veces poñemos o foco no adestramento, na formulación de partidos e o máis importante é que a cabeza che permita estar tranquilo e ter a calma suficiente como para crer nisto".

No partido da primeira volta, disputado o pasado 15 de xaneiro na Ciudad Deportiva del Granada CF, venceron as deportivistas cun gol de Ainhoa Marín no minuto 70.

O encontro foi accidentado posto que Laura Fernández, nun choque fortuíto con Henar Muiña, viuse obrigada a pasar por un centro hospitalario para suturar unha ferida na cella e ser sometida a observación.

O Dépor ABANCA chega ao encontro após un empate (1-1) logrado en Córdoba no tempo engadido.

Pola súa banda, as granadinas preséntanse en Abegondo após derrotar (2-0) no seu campo ao Athletic Club B a pasada fin de semana.

Lonxe do seu campo, o Granada CF é un equipo perigoso, posto que suma 5 vitorias, 3 empates e 4 derrotas. Caeu ante o SE AEM (1-0), Cacereño Femenino (2-1), Athletic Club B (1-0) e CDF Osasuna Femenino (2-0); empatou co UDG Tenerife B (1-1), SD Eibar (1-1) e Rayo Vallecano (1-1); e gañou ao CD Juan Grande Ginelux (1-2), CD Alba Fundación Femenino (0-1), Real Oviedo (0-2), Córdoba CF (1-2) e DUX Logroño (1-2).

O Club mantén activo o protocolo de apertura con control de accesos á Cidade Deportiva. Todo o público debe retirar entrada, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional para todas as persoas socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir o seu ID de socio e 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada. Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición, localización e aforamento na instalación. O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aquelas persoas socias que vaian poder acudir aos partidos, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforamento nun proceso 100% telemático.

Está tamén habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para cada partido para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.

Finalizado o encontro, As Nosas adestraranse de novo o luns 3 de abril ás 10:00 en Abegondo para arrincar unha semana de parón ligueiro.