RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor e Abanca únense para impulsar o fútbol feminino

O Real Club Deportivo e ABANCA decidiron, dentro do marco de colaboración que os une, potenciar os equipos femininos do Club e sumar os seus nomes na denominación dos mesmos que pasarán a chamarse, oficialmente, Deportivo ABANCA e Deportivo ABANCA B (co seu nome curto Dépor ABANCA).

O apoio de ABANCA ao Dépor supón unha empurrón fundamental para consolidar o proxecto de fútbol feminino posto en marcha polo Club este verán e que ten como obxectivo converter aos equipos branquiazuis na referencia do fútbol feminino en Galicia e, a medio prazo, nun dos equipos importantes do fútbol español. Para a entidade financeira galega é un paso máis no seu decidido apoio ao mundo do deporte en todas as modalidades e en todas as categorías materializado fundamentalmente co patrocinio de máis dun centenar de clubs e 14.000 deportistas galegos a través da Fundación Deporte Galego.

O acordo foi anunciado este mediodía polo presidente do Real Club Deportivo, Tino Fernández, no acto de presentación da I Memoria de Sustentabilidade do Club, na que un apartado destacado é o que fai referencia ao "Compromiso coa Igualdade" que queda patente coa posta en marcha deste proxecto e o novo apoio de ABANCA. Xusto despois do anuncio, as xogadoras do Dépor ABANCA Estefi e María Corral, acompañadas polo presidente deportivista, mostraron por primeira vez como serán as camisetas do equipo para o que resta de temporada coa imaxe de ABANCA tanto na parte frontal como na manga. ABANCA figurará tamén no resto de soportes e comunicación vinculados aos equipos.