RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor Genuine concluíu en Lezama a súa participación en LaLiga Genuine 2021-2022

O Dépor Genuine desprazouse o pasado venres venres a Bilbao, onde o sábado e o domingo disputou a xornada final de LaLiga Genuine 2021-2022, que tivo como escenario as instalacións de Lezama, cidade deportiva do Athletic Club.

Andrés Manuel Barbeito, Nuria Barreiro, Iván Bernárdez, Antonio Cagiao, Carmen Durán, Senén Fernández, Saúl Jiménez, Nikita Kharlamov, Alejandro Lugrís, Xosé Marquina, Sergio Nieto, Alberto Piñeiro, Álex Rey, Miguel Rivas, Juan Andrés Taboada e Víctor Vales foron os 16 futbolistas convocados polos adestradores Lucía Otero e Carlos García.

Nesta ocasión, os rivais do Dépor Genuine foron Levante UD EDI, Real Sociedad Fundazioa e Sevilla FC. Na matinal do sábado, o Dépor Genuine bateu ao conxunto valenciano (2-0). Os partidos ante o equipo donostiarra na tarde do sábado (1-3) e fronte ao cadro andaluz na mañá do domingo (0-2) saldáronse con derrota.

Na primeira fase, disputada a inicios do pasado mes de abril en Las Palmas de Gran Canaria, o Dépor Genuine venceu a Real Betis Balompié e Fundación Albacete e perdeu ante o Fundació Futbol Base Reus. Na segunda, fai tres semanas en Málaga, os branquiazuis caeron nos seus tres encontros, fronte a Fundació Barça, SD Eibar Fundazioa e RCD Mallorca.

Os resultados do Dépor Genuine en Lezama foron os seguintes:

Sábado 4 de xuño
DÉPOR GENUINE 2 - LEVANTE UD EDI 0
DÉPOR GENUINE 1 - REAL SOCIEDAD FUNDAZIOA 3

Domingo 5 de xuño
SEVILLA FC 2 - DÉPOR GENUINE 0

Con estes resultados, o Dépor Genuine finalizou na 15ª praza do Grupo Compañeirismo con 15 puntos, produto de 3 vitorias e 6 derrotas. Mentres que os 242 puntos que sumou na clasificación do fairplay valéronlle o 23º posto entre os 42 clubs participantes.

Tralos partidos da xornada do sábado, o anel VIP do estadio de San Mamés reuniu a toda a comunidade Genuine nunha cea con actividades de entretemento e música que fixeron as delicias de todos os asistentes.

A fin de semana, na que para pechar a competición xuntáronse por primeira vez esta temporada os 42 equipos, concluíu coa entrega de trofeos a todos eles. Os catro campións de LaLiga Genuine 2021-2022 foron Burgos CF (Grupo Respecto), Cádiz CF (Grupo Deportividade), Fundació Barça (Grupo Compañeirismo) e Athletic Club Fundazioa (clasificación do fairplay).