RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O vestiario branquiazul admite que "non pode ser que se nos vaian outra vez na última xogada do partido os 3 puntos"

Os goleadores en San Fernando, Rubén e Quiles, atenderon aos medios de comunicación após o partido.

Rubén admite que "ao principio do partido custounos un pouco entrar e eles tiveron un par de ocasións claras. A raíz do gol o equipo deu un paso adiante, empezou a ter as cousas un pouco máis claras. Na segunda parte xeramos o gol, o traveseiro, o gol en fóra de xogo... O partido foi moi igualado, moi disputado e unha mágoa que na última xogada do partido vólvannos a meter un gol".

Describe a última xogada, a do empate do conxunto andaluz, como "un córner no que soben todos, o porteiro. Non nos dá tempo a axustar ben as marcas e remata practicamente só. Tócaa un pouco Antoñito pero non pode acabar de sacala".

Rubén lembra que en Badaxoz e en Alcorcón, onde o Dépor encaixou tamén nos minutos finais, "quedamos con 10 e é máis complicado. O peor é hoxe porque nos últimos minutos tampouco estaba a pasar gran cousa. En Badaxoz é verdade que estivemos moi metidos atrás, achicando auga e hoxe non hai xustificación. Non pode ser que se nos vaia outra vez na última xogada do partido os 3 puntos, que para nós eran ouro porque basicamente, cos tropezos que houbo, puñámonos a 2 puntos".

Pola súa banda, Alberto Quiles cre que "nos custou entrar. Eles tiveron dous man a man, un que salva Mackay e outro que tiran fóra. Logo controlamos ben o partido. Tivemos a mala sorte do penalti que a prolonga un deles e dálle a Olabe sen querer na man. Aos 5 minutos empatamos, ímonos ao descanso 1-1. No segundo tempo estivemos un pouquiño mellor, eles apenas tiveron achegamentos, adiantámonos e aí non se nos poden escapar os 3 puntos. Aparte cos resultados que se deron temos que facernos máis fortes, acabar en campo contrario e se hai un córner a defendelo a matar porque eses puntos non se nos poden escapar".

O dianteiro andaluz subliña que "nos imos coa sensación de perder 2 puntos porque tiñamos o partido gañado, mesmo controlado. Eles apenas tiveron ocasións aínda que sabiamos que a ían a xogar en longo. Puxeran o central en punta pero non tiñan ocasión. Mackay non fixera ningunha parada. E no último córner temos que ser máis fortes e se remata, que o faga forzado, que rematou un pouco só".

Conclúe que "hai que acabar en campo contrario e se non se acaba por empuxe deles ou polo que sexa, se hai córner hai que defendelo. Non pasa nada. Defendemos faltas laterais durante todo o partido e os córneres. O último con máis razón".