RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano: "Ímonos de vacacións satisfeitos, con moi bos números"

Óscar Cano admitiu finalizado o encontro en Ceuta que "foron moi superiores futbolísticamente desde que empezou o partido pero, sen que sirva como escusa, esta noite houbo varios xogadores con vómitos que tiveron que entrar no once titular, tivémolos que substituír, o de Villares. É un virus que trouxemos da Coruña a nivel estomacal e minguounos moito. A xente cunha sensación de pesadez, con cara de morto".

O técnico deportivista referiuse a varios xogadores: "A Rubén tivémolo que substituír; a Max Svensson puidémoslle prexudicar bastante porque non estaba para xogar pero metémolo; Kuki habíanos dixéranos que estaba fatal; o de Villares tamén co pescozo... A sensación que teñen é de malestar estomacal forte e unha sensación de pesadez enorme".

Nestas circunstancias, subliña que o positivo é que "fomos capaces de pór o partido de cara pronto e o desacerto deles na área porque foron merecedores da vitoria, pero isto é o fútbol". "Tres puntos máis nun campo onde a medida que vaia avanzando a temporada non van gañar moitos equipos", conclúe.

Cano lembra que con este triunfo en Ceuta e "dados os resultados de onte, sobre todo o de Córdoba, hoxe era obrigación gañar. Era a primeira oportunidade desde que estou aquí que era factible recortar puntos. Hai 10 días estabamos a 10 puntos e agora estamos a 4. Por tanto ímonos de vacacións satisfeitos, con moi bos números para como empezara a temporada. Hai que corrixir moitas cousas sobre todo fóra de ABANCA-RIAZOR se queremos ser un equipo fiable; e para iso está o corpo técnico, os mozos, o mercado".

Precisamente deste período invernal de contratacións espera o adestrador branquiazul que "se poida mellorar o equipo. É o que esperan os adestradores de todos os clubs. É un bo equipo e está en moi bos números pero vexo que sobre todo fóra de casa podemos facer algo máis e fai falta outro perfil de xogador".