RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano: "Lucas vén ilusionarnos a todos e nós temos que axudarlle a el para que nesa mestura podamos conseguir o mellor Dépor posible"

A sombra de Lucas Pérez planeou esta mañá pola sala de prensa de ABANCA-RIAZOR na rolda de prensa de Óscar Cano, primeira desde a chegada do futbolista coruñés ao Dépor.

Advirte o técnico deportivista que "o Dépor xa viña facendo moitas cousas ben antes da chegada de Lucas. Tivemos unha estancia aquí boa en canto a díxitos: son 20 puntos de 30 posibles. Son moi bos números, aínda que evidentemente somos ambiciosos".

Cualifica ao dianteiro coruñés como "un agasallo porque é un xogador non doutra categoría, senón de dúas categorías máis como o estaba demostrando no Cádiz. Evidentemente ten que ser un dos nosos referentes na segunda volta".

Confesa que "non hai un Lucas fóra do vestiario ou un Lucas na intimidade e outro Lucas que mostre esa imaxe pública, senón que é o mesmo. El é así. E iso é o que nos atopamos. Todo o que manifestou de palabra lévao a cabo de obra. É unha persoa que veu cunha ilusión terrible, que adestra como o mellor. Para nada notouse que está a menos ritmo que ninguén, nin que vén ser a estrela de nada, senón que vén, como el mesmo dixo, a ser un máis. Evidentemente, a partir de vir con esa predisposición de ser un máis todos sabemos que non é un máis porque é un xogador con capacidade diferencial. Con moita ilusión, con moitas ganas de cohesionarse rápido co resto de compañeiros. En ese sentido é aire fresco, que vén ilusionarnos a todos e nós agora temos tamén que axudarlle a el para que nesa mestura podamos conseguir o mellor Dépor posible"..

Insiste en que "é un xogador cunhas características e unhas capacidades diferenciais pero evidentemente non pode xogar só, nin podemos pousar todas as nosas expectativas na figura de Lucas, senón no Dépor en si, no colectivo. Chega para facernos mellores a todos, pero os demais compañeiros tamén son imprescindibles para que el poida mostrar a súa mellor versión. Nadie pode xogar só. Pertencemos a unha rede de relacións que fan que un poida ser mellor ou poida deixar de ser mellor. E iso enténdeo perfectamente e sobre todo porque non sería xusto nun deporte colectivo depositar todas as expectativas e as esperanzas nunha soa persoa. E máis nunha persoa que xoga preto dunha das porterías. Outra cousa sería que fose un xogador de centro do campo, que teña outro tipo de influencia, aínda que repito Lucas vaina a ter preto da portería contraria, e vai ter moita incidencia no xogo do equipo, pero é un deporte colectivo que depende do que fagan todos ou do que fagamos entre todos, ou do que fagan entre todos dentro do campo; e el enténdeo perfectamente porque unha das grandes sorpresas que me levei é que ademais de entender as cousas tamén sabe explicalas. Todo aquilo que el fai tamén o sabe dicir. Por tanto, é unha persoa que comprende perfectamente cales son as características e a lóxica deste deporte. E como tal, sabe que todos dependemos de todos e que iso é o que realmente pode facer que esteamos en mellor ou en peor situación".

Óscar Cano mostra o seu desexo de contar con bos xogadores: "Lucas vén sendo un deses grandes xogadores. Imos ver como nos podemos ir configurando. Pode ser peza por peza, pode xogar con outro atacante preto e prescindir dun centrocampista... Máis que ver se podemos seguir sendo exactamente os mesmos, o que vexo e o que percibo claramente é que nos pode dar un abano de posibilidades maiores. Creo que hai aquí xogadores que lle poden vir moi ben a el e el pódelle vir moi ben a outros moitos xogadores dos que compoñen o cadro", engade.

Preguntado polo mercado de inverno, o adestrador branquiazul apunta que "estamos abertos sempre a mellorar o equipo. Xa melloramos coa súa presenza (en referencia a Lucas) e evidentemente o mercado pode dar 1.000 voltas. Estaremos atentos a poder mellorar aínda máis porque todo o mundo ten unha ambición que é o ascenso. E esa ambición lévache a buscar aos mellores. Estamos ao comezo dun mercado onde esas pezas cobizadas están a ser mareados por moitos proxectos. Carlos Rosende e Juan Giménez están a facer un traballo encomiable por tratar de achegar ao Deapola os mellores".

Non lle teme á presión de cara a esta segunda parte da competición. É máis, "quero esta presión porque supón unha autoexixencia da xente que comanda o Club, que quere ascender. Por tanto, como a presión tamén a temos todos, aquí tratamos de que veñan os mellores xogadores. E é moito máis fácil conseguir os obxectivos con bos xogadores. Eu non teño ningún problema en que veñan moitos e moi bos xogadores".

Así mesmo, recalca que non ten problema en "non ter ningún tipo de protagonismo porque eu entendín hai moitísimos anos que isto é deles (os xogadores). E como é deles, canto mellores sexan máis fácil porannos as cousas aos que temos que decidir as aliñacións e os que temos que tomar decisións durante os adestramentos e durante os partidos".

Espera de Unionistas de Salamanca CF, rival mañá domingo 8 de xaneiro en ABANCA-RIAZOR (19:00 horas, TVG-2 e InSports.tv), "un equipo moi capaz, con argumentos para facerche dano. Eles fundamentan tamén o seu xogo en ser moi verticais a partir de Carlos de la Nava; a xogar por fóra, Chapela está nun gran momento, os laterais tamén se incorporan, fan dano. É un equipo que nos vai a pór as cousas moi difíciles e sobre todo a nivel defensivo é un equipo moi incómodo. Aos equipos contrarios cústalles facerlle ocasións. Esperamos un partido moi difícil. Nós temos que ter os cinco sentidos postos porque non hai rivais pequenos".

Finalmente, botando a vista atrás desde a súa chegada á Coruña, cre Óscar Cano que "conseguimos ser un equipo moito máis fiable nas transicións. Non recibimos tanto perigo. Isto, evidentemente, como é fútbol pode ser que hoxe diga isto e mañá nos metan 4 goles de contraataque. Sobre todo en ABANCA-RIAZOR, cústalles moito aos equipos rivais quitarnos a pelota. Somos moi protagonistas sobre todo en casa. E como punto negro, baixo o meu punto de vista, a pesar de que os resultados fóra de casa indican que estamos a competir ben, eu creo que hai moitos momentos nos que a min non me gusta nada o equipo, pero nada é nada. E se non me gusta o equipo é tamén responsabilidade miña porque son eu o que lles di por onde temos que ir, porque camiño temos que ir. Hai momentos nos que sentimos ou eu sinto que estamos a ser excesivamente dominados. Non somos capaces de impornos. Melloramos algo fóra de casa ou conseguimos algo, que é que a área se protexe mellor. Nou podemos ser un equipo que en centros laterais sexa débil. A área hai que defendela. Calquera canica que caia pola área non pode ser unha bomba atómica. Igual que aquí somos capaces de agarrar a pelota, de tela e de condicionar aos rivais, fóra de ABANCA-RIAZOR hai que facer algo por merecer máis cousas".