RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano pide para "asaltar a primeira praza acurtar un pouco a brecha entre o que conseguimos en ABANCA-RIAZOR e o que conseguimos fóra"

Óscar Cano considera que o partido de mañá sábado 1 de abril no Estadio Reina Sofía (19:00 horas, InSports.tv) ante o Unionistas de Salamanca CF "é un partido no que nós temos como sempre a obrigación e a responsabilidade de ter que gañar. En primeiro lugar porque estamos moi preto xa do que é a primeira praza e en segundo lugar porque quedan cada vez menos xornadas. A medida que avanza a competición, a transcendencia dos partidos dispárase e se sumamos iso ás boas sensacións que temos dentro de ABANCA-RIAZOR, ao ser un equipo case imbatible como local, temos que engadirlle xa dunha vez por todas sacar algún que outro punto máis como visitante".

Lembra iso si que "non é o mesmo xogar de local ou de visitante, pero si que é certo que para min a brecha, a distancia, é excesiva entre o que facemos e conseguimos en ABANCA-RIAZOR e o que conseguimos fóra de casa. Evidentemente ten que haber unha diferenza porque os números en casa sempre son superiores aos que calquera equipo obtén como visitante, pero si que é certo que se somos capaces de que esa distancia se acurte un pouco, vai ser moito mellor para poder asaltar esa primeira praza, que é o desexo de nós, de AD Alcorcón, de Real Madrid Castilla e dalgún que outro equipo máis como Racing de Ferrol, incluso RC Celta B ou Córdoba".

O adestrador deportivista, respecto ao liderado, resalta que "lonxe, realmente lonxe, levamos moito tempo sen estalo. Lonxe estabamos fai moitas xornadas e por iso hai que tamén darlle a importancia e a transcendencia que tivo o traballo dos xogadores. Non é fácil ser o Dépor, verche a tantísima distancia e non baixar os brazos, non baixar nunca os brazos senón crer. Despois do partido en Badaxoz estabamos a 10 puntos. Iso nunha liga non é fácil de recortar e recortámoslle moitísimos puntos a moitos equipos dos que comparten connosco esas primeiras prazas. E iso é mérito do traballo, do día a día dos rapaces e de como competiron, como animais".

Opina que "aquí o máis importante é acabar o primeiro, non estar o primeiro durante tantas xornadas, ou antes ou despois. Nós temos que ser ese equipo que se ha ir achegando e que, evidentemente vai tendo certa irregularidade nos resultados porque a segunda volta e sobre todo o tramo final de competición faise costa arriba para todos".

Desta forma, indica que "temos varios enfrontamentos directos e parece que son moito máis perigosos que os que poida ter calquera dos nosos rivais contra un equipo que se está xogando o descender ou manter a categoría. Para min son igualmente difíciles e perigosos os equipos que se están xogando as cousas por arriba ou por abaixo porque non hai tanta diferenza nesta liga. Evidentemente hai diferenza entre os mellores equipos e os que non son tan bos sobre todo polos xogadores que compoñen o cadro. Pero esa distancia que hai noutras competicións, noutras ligas, aquí non se dá. Hai moita máis igualdade entre os primeiros da clasificación e os que non son primeiros, os que están en metade da táboa, os que están abaixo.... Non hai tanta distancia en relación á calidade de quen compoñen os cadros, tal e como ocorre en Segunda División A. É unha categoría moi parecida. Un equipo que estea coqueteando co descenso pódelle gañar, e ben, ao primeiro e a ninguén lle sorprende. Iso xa noutro tipo de categorías como a Primeira División ou as grandes ligas é máis difícil".

De novo con desprazamento masivo de #ANOSAFORZA, apréciao como "un estímulo e positivo. Ter a sensación de que estás nun pequeno ABANCA-RIAZOR sempre é positivo para nós. E ese impacto positivo tamén lle chega aos xogadores, saber que imos estar arroupados. Ver que se vai a desprazar a xente e que vai estar connosco, é un aliciente e por suposto un aliciente positivo. Iso quere dicir que non estamos sós, que nunca nos sentimos sós, que sempre nos sentimos acompañados e que, con independencia de que puntualmente se poidan manifestar dunha ou outra forma que ten que ver evidentemente co resultado, o que si é certo é que esa sensación si que a temos presente connosco. Todos imos cara a un mesmo obxectivo e temos a compañía sempre positiva de #ANOSAFORZA".

Sobre o Unionistas de Salamanca CF, opina que "é un equipo que a nivel estrutural distribúese ben precisamente para que a partir desa primeira circulación, sobre todo os seus xogadores máis profundos poidan correr ao espazo; é dicir, vanlle acomodando as intervencións a aqueles xogadores que corren cara aos espazos. Por tanto vai ser un equipo moi directo no sentido de que a súa circulación de balón, polo que vimos, non é unha circulación moi complexa ou que requira de moitísimos pases, senón que rapidamente tratan de gañar eses espazos entre liñas e sobre todo ás costas da última liña e aí fanse moi importantes os xogadores que teñen unha maior capacidade".

Destaca entre os futbolistas salmantinos a Chapela, "un xogador que o está facendo ben, creo que cedido polo Cádiz CF e que está a facer unha boa temporada. Ten capacidade de desequilibrio".

Engade que o Unionistas "a nivel defensivo é un equipo moi valente, que vén a por ti a campo contrario, que quere defender lonxe da súa portería e que evidentemente iso vai facer que teñamos que ter unha gran precisión cando recuperemos a pelota para sacala daqueles espazos onde podamos ser presionados e sobre todo, tendo en conta a súa forma de defender sexa cara a adiante e temos que ter en consideración iso".

Será un partido especial para Óscar Cano, posto que se fixo cargo da UD Salamanca, entón en Segunda División, na temporada 2010-11: "Tivemos un inicio espectacular, que fixo que mesmo un equipo de Primeira División preguntase por min porque daquelas estaba a piques de destituír ao adestrador. Eu era novísimo e vivín a parte marabillosa do fútbol sendo moi novo nun Salamanca cun orzamento moi baixo. Ese equipo acabou descendendo. Fixemos unha primeira volta espectacular, estando durante varias xornadas mesmo entre os 3 primeiros clasificados; e despois vivín a parte amarga do fútbol: 10 partidos, 10 xornadas sen gañar, que non sei nin sequera se nos meteu en descenso da cantidade de puntos que fixeramos nas primeiras xornadas. Deixei aí un grupo de amigos excepcional, o corpo técnico, moitos dos meus veciños. E tamén vivín e adestrei a un dos equipos que mantiñan iso do fútbol de sempre. O domingo era unha festa os arredores do Helmántico. Na cidade ese sabor de verdade a fútbol que ten ese estadio, esa xente".