RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano queda "co importante que é que sumamos fóra de ABANCA-RIAZOR, que non vai ser fácil en toda a segunda volta"

Óscar Cano manifestou na sala de prensa do Estadio Iberoamericano 2010 que "tivemos unha mala entrada ao partido na primeira parte, onde eles xogaron moi ben. Fallaron un par de ocasións moi claras. Despois refixémonos un pouco. Fomos capaces de empatar o partido antes do descanso, posiblemente sen facer demasiados méritos para iso".

O técnico deportivista pensa que "a segunda parte controlámola mellor. Non se podía xogar como habitualmente facémolo porque a pelota non rodaba, o campo estaba moi seco e era imposible dar 4 ou 5 pases. Mesmo hai botes estraños porque cando nun campo de herba natural bota a pelota vai cara a adiante. Aquí ía cara atrás. Tivémonos que adaptar a iso. Empezamos a xogar máis ao espazo, tivemos bos minutos, o gol de Quiles, o traveseiro de Lucas, unha xogada dubidosa por fóra de xogo... Aínda que eles metían moita xente contra a nosa última liña, chegou unha acción que para min está mal xestionada por nós. Temos un saque de banda ao noso favor no banderín de córner e non pode acabar en córner a favor deles. Pero iso é o fútbol, quédaseche cara de parvo. O importante é que sumamos fóra de ABANCA-RIAZOR, que sabemos todos a dificultade que entraña o sumar como visitante".

"A pesar de que estamos fodidos", segundo insiste o adestrador branquiazul, "imos quedarnos co importante que é que sumamos fóra de ABANCA-RIAZOR, que non vai ser fácil en toda a segunda volta. Hai que ver os xogadores que ten o San Fernando. Que estea na parte baixa da clasificación non supón que non teña un equipo que cun pouco de sorte, cunha mellor dinámica estaría arriba porque ten xogadores para estar moito máis arriba".

Óscar Cano non cre que sexa necesario facer unha segunda volta "de cinema" porque "agora imos ir perdendo puntos moitos máis equipos. Non vai ser fácil que un dos equipos que están por encima faga os mesmos puntos que fixo na primeira volta. Agora apértase moitísimo todo. Todos os equipos teñen un obxectivo".

Así pois, considera que "vai ser moi difícil até final de ano. Non prevexo eu que un equipo faga os mesmos puntos".

Admite que ao Dépor fóra de ABANCA-RIAZOR fáltalle " un pouco de contundencia. Hoxe faltounos unha mellor entrada ao partido pero despois, cando xa se che puxo a cousa a favor, saber xestionalo. Non é que queden 10 minutos, é que quedan 30 segundos. O partido ten que acabar en campo contrario porque temos un saque de banda e hai que provocar alí cousas que sexan favorables. Hoxe sucedeu así e seguro que outro día nos virá de cara".