RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Porque cremos que xuntos pódese, o martes enchamos Abanca-Riazor: entradas gratis para socios!

O Dépor afronta un dos partidos máis importantes da temporada o martes ás 19:30 en Abanca-Riazor contra o Sevilla. Por iso, o Club quere mobilizar a todos os seus socios e afeccionados para encher Abanca-Riazor e axudar ao equipo a conseguir tres novos puntos craves na loita pola permanencia.

Por iso, todos os socios terán á súa disposición, até completar o aforo do Estadio Abanca-Riazor, unha entrada gratuíta para sumar mans e alento desde as bancadas da nosa casa. As invitacións poden recollerse na Oficina de Atención ao Deportivista o luns 16 de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 19:00 horas presentando o carné de socio do Dépor. Só se entregará unha entrada por carné pero cada socio poderá presentar todos os carnés que desexe no momento da retirada.

Aos socios asignaránselles entradas do seu mesma localidade e, en caso de esgotarse, ofreceránselle alternativas (socios de Pavillón Inferior: alternativa Pavillón Superior ou Marathón Superior; socios de Pavillón Superior, alternativa Marathón Superior; socios de Marathón Inferior, alternativa Marathón Superior e socios de Preferencia Inferior, alternativa Preferencia Superior). A medida que as alternativas se esgoten iranse adxudicando outras bancadas.

O martes 17, día do partido, as invitacións poden retirarse nos despachos de billetes do Palacio dos Deportes de Riazor desde as 11:00 e até as 19:30, hora do comezo do choque. En caso de esgotarse antes, o Real Club Deportivo informará puntualmente a través das súas canles de comunicación.

O Real Club Deportivo tamén lembra a todos os socios que por diferentes motivos non poidan acudir ao transcendental partido do martes que poden ceder os seus abonos a terceiros. No caso dos carnés sen ningún tipo de bonificación poden cederllos libremente a calquera deportivista. Ademais, nesta ocasión, de maneira excepcional, os carnés bonificados tamén se poderán ceder libremente a calquera afeccionado.