RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Quedas con 10 porque o deciden mentres podían quedar con 10 eles na acción do penalti", advirte Borja Jiménez

Borja Jiménez cre que a derrota é dolorosa "sobre todo por como se produce. Penalizounos demasiado o inicio do partido, que encaixamos rápido. Soubemos saír do golpe. Tivemos aí algunha situación moi clara con Quiles e a situación de Diego Aguirre, que está Mario só. Habemos ir atopando aos poucos o xogo. Empatamos máis tarde do que mereciamos e logo xa todo vén condicionado polo de sempre. Quedas con 10 porque o deciden mentres podían quedar con 10 eles na acción do penalti. Isto é así. É unha pelexa durante todo o ano. Non puidemos facer nada durante todo o ano e agora iso non vai cambiar".

O técnico deportivista lembrou o desconto de catro minutos, "con todo o que se perdeu, o posible penalti que rematamos con Borja... Non vai servir nada do que diga deles. Onde levamos o partido a segunda parte gañariamos de 100 partidos a maioría; porque estabamos a ser superiores, estabamos moi preto da súa área. Eles xa só tiñan algunha situación de transición, que é verdade que son perigosos, pero cambia todo e cando quedas con 10 perdes o sentido".

Explica que con Diego Aguirre, un zurdo en banda dereita, "buscabamos o que se deu na situación do gol: ter con el e con Elitim dous xogadores a perna cambiada para poder atopalo. Tiñamos a Juergen cunha altura máis. Criamos que coa saída de 3 máis os 2 mediocentros para poder ser dominadores íanos a valer. Dentro dos xogadores que tiñamos dispoñibles que puidese ir ao espazo, que puidese facer un pouco o que fai Quiles habitualmente de aparecer aí dentro, optamos por Diego, porque criamos que esa velocidade podíanola dar. É verdade que o inicio non foi bo, pero creo que merecemos empatar antes do descanso coa situación de Mario e o man a man de Quiles. Non fomos capaces. Logo coa entrada de Willy, tiñamos a Diego xa con molestias no aductor e buscabamos ter un xogador diferente, pero coa mesma estrutura. Levamos até a zona de área deles a pelota moi ben. Houbo moito tiro rebotado, moita situación próxima ao gol de centro lateral pero faltounos culminalo".

E con Lapeña pola dereita apunta que "criamos que necesitabamos pernas por dentro para facer bastantes metros, iso Villares dábanolo. É verdade que case até final de semana non sabiamos se iamos poder contar con Villares, necesitabamos a alguén que puidese facelo nese lateral dereito. Entón o que buscabamos nesa saída de 3 que facemos sempre, no canto de meter a Álex, xa tiñamos un xogador máis con Lapeña, Jaime e Borja. Tiñamos dous dentro, que é case como atacamos sempre; e para defender dependía un pouco dos xogadores nese sector que eles tivesen dentro. Houbo veces que foi de 4, veces que foi mesmo de 3 e outras de 5. Dependía un pouco do posicionamento do rival. É verdade que logo Diego puido saltar máis alto e equilibramos un pouquiño, pero a opción de Lapeña no lateral é un pouco ir poñendo parches ás circunstancias que imos tendo e que criamos que hoxe a Villares iámolo a necesitar por dentro".

Borja Jiménez entende que non sexa penalti a xogada de Quiles, "pero de aí a que o queira enganar, amoéstao e máis cando perdoara a segunda amarela ao central nun penalti..."

O adestrador branquiazul advirte que "o noso obxectivo, parece utópico, pero segue sendo tentar ser campións. Ímolo a tentar até o último segundo do último partido, que haxa posibilidades reais. Non imos deixar de tentalo porque creo que ten que ser así. Temos a capacidade de poder dar a volta á situación estando moi lonxe. Vai depender de que o Racing poida perder algún partido, que non o está facendo e agora está claro que a distancia aumentou".

A #ANOSAFORZA, pídelle desculpas e entende "o seu cabreo porque non gañamos, porque a segunda volta non está a ser boa e teñen toda a razón de non estar contentos co que estamos a facer. Pídolles que confíen, que sigo convencidísimo de que imos ascender. Non teño ningunha dúbida. Entendo que sexa difícil para eles crelo por como o equipo sumou máis derrotas xa que na primeira volta, por como está a ser nosa segunda volta, pero aínda queda moito e ímolo a tentar, que confíen en nós, que o imos a facer".

"Está claro que son 3 partidos os que nos sacan con 9 que quedan por disputarse, 1 que non se vai a disputar; pero ímolo a tentar porque ¿quen di que eles non poidan coller unha dinámica moi mala? Agora mesmo vémolo todo irreal, moi difícil porque eles levan 14 partidos sen perder, 10 vitorias. Velo todo moi afastado. Imos seguir aí tentándoo até o último segundo do último partido", engade.

Preguntado pola invasión de campo ao final do partido, Borja Jiménez limitouse a afirmar que "hai que saber gañar e perder, pero iso xa é un tema máis seu. Nós na vitoria e na derrota fomos educados e seguirémolo sendo".