RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Quiles: "Queda moito e nós temos esa ilusión de quedar campións"

Alberto Quiles manifestou esta mañá aos medios de comunicación, após recoller o Premio Estrella Galicia ao mellor xogador do mes de novembro, que este galardón "significa que o estás facendo ben e oxalá que non sexa o último, que sexan moitos máis e que siga nesta liña".

O dianteiro deportivista lembra que en Badaxoz "non nos saíu nada, xogamos mal, con pouco ritmo de balón, con pouco ritmo na presión, Logo encima quedas cun menos e faise aínda máis. Sabiamos que este partido contra o Racing de Ferrol non podía pasar iso, tiñamos que desde o principio ser un Dépor que estabades a ver o día do Córdoba, da Cultural, do Fuenlabrada. Tiñamos claro que non podía pasar o do Badaxoz. Foi un patinazo e non pode volver ocorrer".

Despois de encaixar un 3-0 a temporada pasada no Nuevo Vivero, "parece que este campo non nos vén ben. E falámolo antes do partido que o ano pasado tivemos unha mala experiencia alí pero o equipo non estivo e creo que a derrota foi xusta".

Tralas palabras de Óscar Cano o pasado domingo na sala de prensa, nas que eloxiou a actuación de Quiles a pesar de que non marcase, o futbolista andaluz advirte que "eu sempre quero meter, supoño que igual que todos os dianteiros, pero é verdade que non pode ser que por que non fixese goles, signifique que fixen un mal partido. Dime (Óscar Cano) que podo achegar moitas máis cousas ao equipo e a verdade que o outro día non metín, tiven para metela e non a metín, pero funme contento porque gañamos e porque creo que xoguei ben".

É categórico respecto ao partido deste domingo 18 de decembro, último de 2022, en Ceuta (12:00 horas, InSports.tv): "Non se pode fallar. Temos que ir gañar e tendo presente o de Badaxoz: se non saes metido e cunha actitude gañadora non lle gañas. Entón temos que ir desde o principio a por eles".

Co Dépor en 5ª posición pero máis preto do liderado, "temos que pensar que estás a tempo de todo. É unha bobada non pensar que aínda estamos a tempo a todo cando quedan moitísimos puntos, cando aínda temos que enfrontarnos aos de arriba na segunda volta. Queda moito e nós temos esa ilusión de quedar campións".

Preguntado por Lucas Pérez, Quiles desvela que no vestiario "non falamos nada, pero oxalá veña. Un xogador que está a meter goles e está a xogar en Primeira División aquí vainos a vir de luxo. Oxalá se poida facer e se pode vir agora, moito mellor; e se non, pois o ano que vén. Cando poida, pero que veña".

Finalmente da súa renovación comenta que a día de hoxe "non hai nada nin creo que haxa nada en Nadal".