RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Quique González: "Agora dependemos de nós e queremos mantelo"

Quique González subliñou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "agora dependemos de nós e queremos mantelo. Imos dar todo por gañar esta fin de semana e o resto de partidos, pero todo pasa polo partido de ABANCA-RIAZOR".

Após dúas vitorias consecutivas, en Soria e Zaragoza, pide estar "moi tranquilos agora, cos pés no chan. O único que fixemos é gañar dous partidos seguidos. Sabemos o que pasamos durante todo o ano", conclúe.

Recoñece sobre o partido ante o Cádiz CF deste domingo 12 de maio en ABANCA-RIAZOR (16:00 horas, Movistar Partidazo) que "como futbolista, perder 3-0 a ninguén lle gusta", en relación ao partido da primeira volta disputado no Estadio Ramón de Carranza no mes de decembro. "Só pensamos en gañar, en facer un bo partido que nos leve á vitoria, sumar 3 puntos que non sumarían eles e estar aí arriba. Está a acabar isto e todos queremos estar aí arriba", engade.

Do conxunto gaditano, advirte Quique González que "non só é Machís. Desde que chegou é un xogador clave polo seu desequilibrio, a súa velocidade, a súa capacidade de facer gol e de asistir. Hai que ter en conta a todos o xogadores pero si que é verdade que están nun bo momento".

Non se atreve a dar favoritos no grupo de equipos que se xogará o ascenso directo e as prazas de playoff: "Dunha semana para outra poden cambiar as dinámicas. Viuse connosco".

O dianteiro deportivista subliña que ao volver a ABANCA-RIAZOR "o que queres é gañar sempre para que a afección gozar. Imaxino que a xente que está a ver o partido en casa cando xogamos fóra ou se despraza tamén gozará con iso. Na nosa casa queremos ser fortes, queremos gañar, pero o afeccionado do Deportivo quere gañar tanto en casa como fóra".