RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"ReCorDos en Branco e Azul" descobre ao deportivismo o álbum fotográfico de Cholo

O álbum de fotos futbolístico de Alfredo Blanco Rodríguez, máis coñecido como Cholo, xa está a disposición de todo o deportivismo grazas á cesión, por parte do exjugador branquiazul, do devandito material, que se pode ver na web "Recordos en Branco e Azul".

O Club dixitalizou medio centenar de imaxes, das que desde hoxe se poden ver, xa documentadas e datadas, ao redor dunha vintena. As demais iranse publicando aos poucos en datas vindeiras.

Cholo, nacido en Pontevedra pero veciño da Coruña desde antes de cumprir un ano de idade, militou durante 7 temporadas no primeiro equipo deportivista, entre 1967 e 1974, case sempre formando na zona esquerda dun dos tríos defensivos máis repetidos na historia do Club: Belló, Luis e Cholo.

Nos seus 7 cursos como deportivista disputou 170 partidos oficiais, 100 deles en Primeira División. Formado nas filas do Orzán SD, antes de dar o salto ao Deportivo disputou dúas campañas co Fabril (1964-66), co que xogou 59 partidos, e unha co Langreo (1966-1967), conxunto ao que chegou cedido desde A Coruña e no que debutou en Segunda División xogando 25 dos 30 partidos do campionato.

Entre os seus éxitos co Deportivo están os ascensos de 1968 e 1971, ademais de ser protagonista da campaña 1968-69, a primeira vez en que o Club acariñou a clasificación para competicións europeas.

Algunhas das fotografías cedidas contan cun valor histórico incuestionable, como varias da viaxe a Venezuela para disputar o Torneo de Reyes en 1969, algunhas de celebración do ascenso de 1971 ou da soada vitoria sobre o Real Madrid que valeu a permanencia en 1972 e mesmo imaxes do Fabril dos anos 60 a todo cor.

Na páxina web recordos.rcdeportivo.es calquera afeccionado ten a posibilidade de achegar o seu gran de area á reconstrución da historia do Club. Un novo dato sobre unha imaxe mediante un comentario, a cesión dunha nova fotografía, unha historia persoal ao redor da instantánea en cuestión...

A mellor opción é a de achegarse coa fotografía orixinal ás oficinas do Club na Praza de Pontevedra, 19, 1º (de luns a venres de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas) para proceder á súa dixitalización coa maior calidade posible. Unha vez dixitalizada, a fotografía orixinal seralle devolta ao propietario, xunto á copia dixitalizada da mesma nunha memoria USB.

O cedente sempre conservará a propiedade da imaxe, que prestará ao RC Deportivo soamente para uso institucional. Todas as fotos publicadas están protexidas con marca de auga para evitar o seu uso fraudulento.

Tamén existe a posibilidade de darse de alta en "Recordos en Branco e Azul", creando, coa mesma sinxeleza que en calquera rede social, un perfil de usuario a través do que quedará constancia de que a foto é da súa propiedade.

A partir de aí, o usuario poderá comentar calquera fotografía e adquire a posibilidade de compartir co deportivismo unha nova imaxe. Cando efectúe a cesión directa da instantánea, esta non será visible de inmediato, pois deberá recibir o visto e prace en función de diversos estándares de calidade fotográfica e valor histórico.