RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Rubén viu onte a un Dépor "que loitou, que ten as ideas claras"

Rubén Martínez, un dos protagonistas onte no encontro ante o Sevilla FC, manifestou esta tarde na sala de prensa de Abegondo que o empate sen goles déixalle unha sensación "agridoce porque fixemos un moi bo partido. O rival era un rival moi importante. Os 3 puntos eran importantísimos para meterlle presión ao Levante pero temos que valoralo como bo polo equipo que era e porque, dentro do que cabe, podemos seguir pelexando. Pero en xeral a sensación é agridoce".

Acabou o partido o meta deportivista "entre a decepción e o orgullo. Viuse un equipo que loitou, que ten as ideas claras, que podía facer boas cousas. E niso estamos e seguimos. Esperemos que de aquí ao final levemos unha alegría moi grande".

Preguntado pola súa brillante actuación individual, apunta que "cando non levas os 3 puntos, aínda que sempre é positivo manter a portería a cero, a sensación non é boa. Se o equipo gaña si que é unha satisfacción plena. Así, co empate coa situación que estamos, non é para estar contento".

Sen apenas descanso e con outro partido este venres 20 de abril (21:00 horas, Bein LaLiga) en Leganés, advirte que aínda que "non teñamos costume de xogar entre semana, de momento o equipo respondeu ben. Despois do Athletic de Bilbao, que foi un partido duro, onte o equipo viuse ben fisicamente ante un equipo afeito a xogar entre semana. Creo que imos ter forzas o venres. Mellor é ter máis días de descanso, pero o calendario puxérono e non hai nada que facer. Hai que adaptarse".

En canto á súa renovación automática do seu contrato co Dépor, Rubén insiste en que "non supón nada porque todo o individual queda nun segundo plano. Non é momento de expoñerse ningún tema individual. O que conta é o equipo e apurar as opcións ao máximo".