RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Seedorf: "Agora é momento de crear futuro, de crear proxecto, de mirar cara a adiante"

Clarence Seedorf manifestou esta tarde na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR que "agora é un momento de crear futuro, de crear proxecto, de mirar cara a adiante. Para atrás é inútil, non se poden cambiar as cousas. Foi un fracaso (a temporada). Estou de acordo. Pero é inútil seguir emocionalmente niso".

Por este motivo, o técnico holandés pide "analizar o que pasou, por que pasou e dar os pasos xustos para crear futuro moi tranquilamente".

Do partido de mañá sábado 12 de maio ante o Villarreal CF (18:30 horas, Bein LaLiga), asegura que "quero terminar o ano ben. Este último partido en casa quero que (os futbolistas) xoguen ao mellor nivel porque este grupo merece terminar como fixo o último mes e medio".

Nesta liña, insiste en que "desde que cheguei teño que darlle o parabén ao grupo polo esforzo que fixeron, o nivel que conseguiron no campo. Gustaríame que terminase o ano así e que lembren isto. O traballo do día a día foi impresionante. E despois hai tempo de falar do seu futuro, hai un Mundial por medio tamén".

Mañá sábado no Estadio, o adestrador deportivista agarda "un bo ambiente. Son unha persoa positiva. Gústame vivir cousas positivas. O fútbol é bonito. Non é unha guerra. O descenso pásalle a moitos todos os anos. Ao Dépor, como moitos na liga. No deporte ás veces ganas e ás veces perdes. Vivir isto coma se fose a última cousa na vida, quen viva así non entendeu nada. E dígoo con moito respecto pola importancia que ten o fútbol na vida de moita xente. Nós somos os primeiros que vivimos do fútbol".

Deulle a benvida "publicamente" a Carmelo del Pozo, novo Director Deportivo, e desexoulle "que poida facer un traballo importante para devolver a este Club onde se merece".

Preguntado polo seu futuro, Seedorf insiste en que "esa pregunta tedes que facerlla ao Club. Non podo autoinvitarme para falar de cousas de futuro. Pero tampouco é necesario para min agora".