RCD / NOVAS

Seedorf espera un partido en Butarque "de moita intensidade, dunha gran pelexa"

19/04/2018 20:09

Clarence Seedorf definiu este mediodía en rolda de prensa en Abegondo ao CD Leganés, rival mañá venres 20 de abril (21:00 horas, Bein LaLiga) do Deportivo na 34ª xornada de LaLiga Santander, como "un equipo complicado, é xente que se coñece ben, que está nunha situación tranquila".

Espera un partido "de moita intensidade, contra un equipo en boa saúde. Unha gran pelexa seguramente", conclúe.

Ante o terceiro partido nunha semana, após enfrontarse a Athletic e Sevilla, o técnico holandés apunta que confía "en todos os xogadores que están no cadro. Nos últimos partidos puidemos contar case con todos, porque iso dá forza a un equipo por automatismos. Até para o que ten que entrar é máis fácil. O equipo está ben. O esforzo maior era contra o Sevilla, que era menos tempo de recuperación. Agora temos un día máis. A miña expectativa é que o equipo vai estar ben".

De feito, deixa claro que se hai cambios será por outros motivos, porque "fisicamente todos están nun bo momento".

Recalca que o seu positivismo é o mesmo: "Nós cremos sempre. Desde o meu primeiro día ata que tomei crítica porque era demasiado positivo. O que estaba a ver no día a día, o que vimos desde o partido ante o Atlético de Madrid, para min era claro que estaba a chegar. Agora os resultados ás veces non acompañan. Agora o fútbol non pode ser se ganas todo ben e se perdes todo mal. Un ás veces fai as cousas moi ben e perde, e ao contrario. Eu vendo o que estaba a ver todos os días, sempre dixen que para min as cousas van empezar a saír tarde ou cedo".

Ve o adestrador deportivista no seu cadro "un equilibrio moi grande. Contra o Sevilla ao final fomos a pola vitoria con equilibrio, non como un equipo tolo que queremos ir todos adiante. É un gran punto a favor. Mantemos equilibrio sabendo que xogando como estamos a xogar ten que ser suficiente para xerar ocasións de gol e gañar o partido".

Após saudarse en Abegondo cun exdeportivista, Jacques Songo'o, Seedorf apuntou que non lle sorprende que haxa tantos exjugadores do Dépor vivindo na Coruña: "Non me sorprende. Aquí pódese vivir moi ben".

Máis novas de: SEEDORF