RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Temos que sumar moito para poder meternos", advirte Álex Bergantiños

Álex Bergantiños manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que o partido do pasado venres no Nuevo Estadio de Los Pajaritos de Soria foi "pelexado, duro. Cando ganas con sufrimento refórzache un pouco máis". "O equipo saíu ben, interpretou ben as distancias, nesa presión fixémoslles dano e con acerto, que ao final é o determinante. Cando tes acerto como tivemos, e vesche co marcador por diante, todo vai máis fluído", engade.

O mediocentro coruñés asegurou que a pasada semana, a pesar do comunicado do Club referente ao Presidente Tino Fernández, foi "unha semana máis no deportivo. O Presidente veu aquí a explicarnos a situación que podiamos vivir no seguinte tempo que falta de competición, e que esteamos centrados no noso".

Advirte sobre o calendario próximo que "en Segunda todas as semanas podes atopar dous ou tres enfrontamentos entre equipos fortes. Os que non son fortes sacan vitorias. O Extremadura UD leva 3 vitorias seguidas gañando en Málaga, ABANCA-RIAZOR e agora en casa tamén. A Segunda é imprevisible. O que temos que facer é sacar o maior número de vitorias posibles nós. Seguimos estando fóra de todo. Temos que sumar moito para poder meternos. De nós dependemos. Demos un paso o outro día para saír da UCI pero seguimos estando mal. Temos que sumar moito para poder manter o ritmo que vai haber arriba e estar con opcións ao final".

Preguntado sobre as súas saídas e entradas no once inicial, Álex opina que "hoxe en día o xogador está preparado para iso, tentando render ao máximo cando lle toca a opción. Oxalá tivésemos un once tipo por gañar todos os domingos. O cadro desde o principio concienciouse que o obxectivo común é o prioritario e todos estamos igual de preparados para poder entrar e saír do once".

Insiste o futbolista branquiazul que agora "temos que tentar recuperar a confianza cun modo concreto de facer as cousas e identificarnos nós mesmos. Estamos nunha etapa na que tivemos moitas dúbidas en canto ao que era o mellor para nós. E iso ao final reflíctese no campo. Se non estás convencido, decides peor".

Pide por conseguinte "crecer en base a unha idea. A ver se asentamos os conceptos novos do novo adestrador en base a vitorias".

Álex Bergantiños explica que o novo Dépor ten que ser "un equipo intenso, máis dinámico, máis rápido á hora de presionar como de saír, un pouco máis directo á hora de xerar máis cousas na área rival".

Segundo o '4' branquiazul, "nos partidos fóra de ABANCA-RIAZOR co novo adestrador o equipo entendeu bastante ben iso. Hai que tentar asentalo, mantelo tamén en casa e facernos un pouco recoñecibles en estilo de aquí ao final para que nos xere esa confianza".

Respecto ao proceso que agora o Club inicia de elección do novo Consello de Administración, Álex Bergantiños, deportivista e coruñés, desexa "que haxa unión. Entre quen entre como cabeza visible do Club que transmita sensatez e unión en torno ao Club, con todo o que levamos vivido de inestabilidade nestes últimos anos, tanto deportiva como institucionalmente, con todos os problemas que houbo extradeportivos, económicos... Quizais pechar esa etapa e a imaxe que se transmita sexa dun novo comezo e que a xente se volva a ilusionar en todas as escalas sociais do Club".

Sobre o partido deste sábado 4 de maio, novamente fóra de ABANCA-RIAZOR, neste caso en La Romareda (18:00 horas, Movistar Partidazo) ante o Real Zaragoza, subliña que "pode vir ben porque os dous últimos partidos fóra de casa (Pamplona e Soria) foron bastante completos. O outro día en Soria puidemos facer mellor algunhas cousas para pechar o partido antes. É un bo punto de partida porque te atopas cun escenario similar: o feito de viaxar, de xogar fóra, ante un equipo rival que ten máis presión por xogar na súa casa e mostrar cousas á súa afección, e nun campo moi esixente como La Romareda".