RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un Dépor ABANCA coa lección aprendida visita mañá sábado ao CD Pradejón

Un Deportivo ABANCA coa lección aprendida trala derrota da pasada fin de semana no campo do RCD Espanyol, encara un novo encontro lonxe de Abegondo, a visita ao CD Pradejón de mañá sábado 15 de xaneiro ás 16:30 horas no Campo Municipal de Pradejón, en choque correspondente á 14ª xornada no grupo norte de Reto Iberdrola.

Un Miguel Llorente que asegura estar "con máis confianza aínda que a semana pasada", manifestou en rolda de prensa que "as derrotas che dan pistas por onde tes que ir e que é o que funciona e o que non".

Alba Merino e Laura Fernández, esta debido a unha lesión muscular no semitendinoso da súa perna dereita, son as únicas ausencias dunha convocatoria na que repite a canteirá Aroa Guerra e á que regresa a capitá Cris Martínez.

As deportivistas cederon o pasado sábado en Barcelona o liderado do grupo, que volve estar en posesión do FC Levante Las Planas: 33 puntos as catalás por 31 as coruñesas.

Pola súa banda, as rioxanas marchan novenas na táboa con 17 puntos. No seu campo, esta temporada, gañaron ao Oviedo Moderno CF (4-2) e Atlético de Madrid B (3-0); empataron co CDE Racing Féminas (0-0); e perderon ante o DUX Logroño (0-3), CDF Osasuna (1-2), AEM Lleida (0-2). Ademais, o CD Pradejón pode presumir de ser un dos dous equipos, o outro precisamente é o Deportivo ABANCA, que foi capaz de dobregar esta temporada ao FC Levante Las Planas, e ademais no seu propio campo: 1-2 (9ª xornada).

Despois dun último adestramento esta mañá en Abegondo, as deportivistas desprázanse xa a Calahorra, con esta folla de ruta:

Venres 14 de xaneiro
12:30: Saída en autocar desde a Cidade Deportiva, con parada a comer en Vega de Valcarce
21:00 (hora aproximada): Chegada ao Hotel Zenit Calahorra

Sábado 15 de xaneiro
16:30: CD Pradejón - Deportivo ABANCA, no Municipal de Pradejón
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña

O cadro deportivista está citado para adestrar de novo en Abegondo o martes 18 de xaneiro ás 17:00 horas.