RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un gol de Miku aluma o honorífico título de inverno (1-0)

O Deportivo impúxose pola mínima ao CF Talavera, grazas a un gol de Miku na primeira metade, un resultado que dá ao conxunto deportivista o título de inverno a falta dunha xornada para a conclusión da primeira volta.

Borja Jiménez, adestrador deportivista, realizou tres cambios no once inicial con respecto ao que presentou no último encontro do ano, en León fronte á Cultural y Deportiva Leonesa. Trilli ocupou o lateral dereito en detrimento de Víctor García, Diego Villares entrou en mediocampo en lugar de Álex Bergantiños e Mario Soriano supliu na zona de ataque a Noel. O técnico branquiazul volveu apostar por xogar con catro puntas, co xogador cedido polo Atlético de Madrid xunto ao ariete venezolano e o brasileiro e o onubense nas bandas.

O dominio do Dépor foi abafador na primeira media hora de encontro. Os branquiazuis practicamente monopolizaron a posesión e chegaron á área con perigo en numerosas ocasións.

A primeira clara produciuse no minuto 5, nun disparo raso de Quiles desde a frontal que Rubén Miño rexeitou a córner coas xemas dos seus dedos. Cinco minutos máis tarde de novo foi protagonista o goleador andaluz, cun espectacular remate de media chilena a centro de Héctor Hernández que se estrelou no corpo dun defensa visitante.

Superado o cuarto de hora, un canonazo de Trilli repeleuno Rubén Miño. O balón chegara ao lateral dereito de #ANOSACANTEIRA despois dun centro pasado de William desde o extremo contrario. Mario Soriano probouno no minuto 20 cun duro disparo raso desde unha posición un tanto escorada, cara á esquerda do ataque herculino. O porteiro visitante atrapou o esférico con seguridade.

O gol chegou no minuto 24, grazas a unha gran combinación á entrada da área entre William e Mario Soriano que acabou en pés de Miku. O '7' deportivista recolleu o coiro no punto de penalti e rematou a reviravolta lonxe do alcance do gardameta do equipo toledano. Foi o noveno tanto do dianteiro venezolano, que volve superar a Quiles na táboa de goleadores deportivistas.

O tanto relaxou un tanto ao conxunto branquiazul e o CF Talavera estirouse. No minuto 30 gozou da súa mellor oportunidade, cando Pablo Monroy quedou só ante Mackay após un servizo en profundidade pero o porteiro coruñés desbaratou a ocasión lanzándose limpamente aos seus pés. Até o descanso, os únicos tiros a porta foron do conxunto talaverano, pero con escaso perigo: un disparo moi cruzado e frouxo de Jon Ceberio no minuto 33; unha cabezada de Toño Calvo frouxa a mans de Mackay no 38, e outra cabezada, esta vez moi por riba do traveseiro, de Jon Ceberio no 43.

A segunda metade comezou coa mesma tendencia, cun Dépor incapaz de chegar con claridade á área contraria e un CF Talavera soltando pequenos golpes.

Até o minuto 57 non se produciu ningunha acción de claro perigo. Foi entón cando Mackay detivo un remate na área pequena do ex deportivista David Añón, após unha acción pola dereita do ataque visitante.

Acto seguido, Borja Jiménez deu entrada a Noel por Quiles. O canteirán situouse na posición que até entón ocupou Mario Soriano, pasando este a ocupar o extremo dereito.

No minuto 59, Miku cabeceou brando a mans de Rubén Miño un centro de William que perdera forza após golpear nun defensa talaverano. Dez minutos despois produciuse un remate desviado coa dereita á saída dun córner do exfabrilista Tomás Bourdal. Case de inmediato, William dispuxo da mellor ocasión deportivista para pechar o partido. O brasileiro, con todo a favor, disparou frouxo, a mans de Rubén Miño, para finalizar un rápido contragolpe no que xogaron practicamente ao primeiro toque Trilli, Mario Soriano, Noel e Miku.

Após esta acción, Borja Jiménez retirou ao brasileiro do campo para dar entrada a Álex Bergantiños. Deste xeito, o equipo pasou do 4-2-4 ao 4-3-3 máis habitual nos primeiros compases da temporada.

Os branquiazuis estiveron a piques de verse sorprendidos no minuto 75, cando unha deixada de cabeza de Borja Díaz dentro da área a empalmou de socato Christian Perales. Mackay respondeu milagrosamente e mesmo atrapou o coiro.

Nos minutos finais, a pesar dos arreóns talaveranos, as mellores oportunidades para perforar a meta rival foron coruñesas. Como a que se produciu no minuto 85, cando Villares lanzou en profundidade pola dereita a Trilli, que gañou a liña de fondo e cedeu para Noel, cuxo dereitazo foise lixeiramente cruzado á dereita do portal visitante. Ou a que chegou no minuto 89, en xogada de estratexia nunha falta na liña de fondo que cabeceou Miku dentro da área pequena ao corpo do porteiro talaverano.

De todos os xeitos, a ocasión definitiva chegou cando se cumpría o minuto 90. Unha gran triangulación entre Trilli e Noel, con deixada de calcaño do segundo, concluíu co primeiro derrubado dentro da área por Góngora cando se dispuña a disparar. O colexiado sinalou o punto fatídico por primeira vez no que vai de temporada, pero Rubén Miño adiviñou a intención de Miku e desviou a córner o seu potente lanzamento.

Con esta vitoria, o Dépor alcanza os 40 puntos en 18 partidos, o que supón 7 de vantaxe sobre un Real Racing Club de Santander ao que lle falta o partido desta xornada. Por tanto, o Deportivo asegúrase o honorífico título de inverno. Os branquiazuis, ademais, sumaron o seu sétimo triunfo en ABANCA-RIAZOR, onde acumulan 23 puntos de 27 posibles, e o seu duodécimo partido de 18 coa porta a cero.

RC Deportivo: Mackay, Trilli, Lapeña, Jaime, Héctor Hernández, Diego Villares, Juergen Elitim, Quiles (Noel, min. 57), Mario Soriano, Miku e William (Álex Bergantiños, min. 72).

CF Talavera: Rubén Miño, Pablo Monroy (Choco, min. 61), Bourdal, Nicho Escalante, Góngora, Jordi Ortega (Forgàs, min. 85), Vicente (Borja Díaz, min. 46), Jon Ceberio, David Añón, Jordi Martín (Christian Perales, min. 61) e Toño Calvo (Dani Pichín, min. 81).

Gol: 1-0 Miku (min. 24).

Árbitro: López Parra (c. cántabro). Cartón amarelo a Góngora (min. 22), Vicente (min. 35), Borja Díaz (min. 49), Choco (min. 77), Rubén Miño (min. 90) e David Añón (min. 90).

Incidencias: partido da 18ª xornada do grupo 1 de Primeira RFEF disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 10.271 espectadores.