RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Un valor deste equipo ten que ser a humildade", advirte Quique González

Quique González atendeu esta mañá aos medios de comunicación na sala de prensa de Abegondo.

O dianteiro deportivista asegurou que o vestiario é consciente que "o equipo pode mellorar. Niso estamos. A nosa marxe de mellora é grande; e día a día traballaremos niso".

Insiste en que "aquí estamos todos para sumar. Non hai titulares nin suplentes. O que che fai ser un equipo forte é ter veintipico xogadores ao máximo nivel. A competencia sempre é boa. E neste equipo haina. Aquí ninguén se pode relaxar porque o importante é o Deportivo. Quen lle toque xogar arriba o venres (20:00 horas no campo Francisco de La Hera de Almendralejo ante o Extremadura), estou convencido que o vai a facer da mellor maneira posible para axudar ao equipo".

Cre que "hai que asumir tal cal é" os 3 partidos seguidos do Dépor fóra de casa neste arranque ligueiro: "Non hai que pór escusas. A mentalidade deste equipo sempre é a mesma. Ir gañar onde toque xogar, sexa fóra ou no Estadio ABANCA-RIAZOR. O Extremadura conseguiu 1 punto en Oviedo. Calquera te pode gañar. E vai ser moi difícil".

Eloxiou a unha das últimas adquisiones branquiazuis, Vicente Gómez: "É un xogador de bo pé. Aos poucos irase adaptando ao equipo, ao que queremos todos. Paciencia que acaba de chegar".

Resta importancia a quen sexa o seu compañeiro en ataque, se un dianteiro de referencia ou outro de distintas características: "Xogue quen xogue, do que se trata é de confiar no compañeiro, de aproveitarte das calidades do teu compañeiro e de nada váleche 'gustaríame isto ou o outro'. O que hai é o que hai. Con quen che toque xogar, se me toca, entendernos da mellor maneira porque así se fan goles".

Sobre o sistema, o atacante branquiazul opina que "o míster quere unhas cousas, que nolas está transmitindo a nós. E nós queremos esas cousas tamén. Hai que tentar adaptarse o máis rápido posible. Aquí hai unha idea de xogo moi clara. Quen mellor percibindo eses conceptos, asimilándoos da mellor maneira, ao final é o que estará máis preto de xogar. O que decide é o míster. Hai que ser intelixente no fútbol. Se o míster pide unhas cousas, hai que facelas a machada".

Coincide con Natxo González, quen o pasado xoves, en rolda de prensa, manifestou que "somos o Dépor, pero non somos mellores que ninguén". Quique González, do mesmo xeito que o técnico deportivista, insiste en que "un valor deste equipo ten que ser a humildade. Na Segunda División todos os equipos son iguais. Dá igual que se chame Deportivo ou Reus, con todos os meus respectos. É como hai que hai que tratar ao rival. Nós centrámonos no noso, que é traballar día a día, facer o noso fútbol, que sabemos que podemos chegar a bo nivel. A partir de aí competir contra o rival. Isto é moi difícil. Vese na xornada 1. Imaxínate 41 xornadas despois o que pode deparar".

Nesta liña, repasa os marcadores da primeira xornada de LaLiga 1|2|3: "Hai equipos recentemente descendidos que gañaron, no noso caso empatamos. Recentemente ascendidos, o Mallorca gañou a Osasuna; o Extremadura vai a Oviedo e saca un punto. Isto é Segunda División. Moi competido, moi difícil, e desde a xornada 1 vese".

Finalmente, sobre a acción polémica do penalti sinalado en contra do Dépor o pasado venres en Albacete, Quique González apunta que "falar da acción do penalti é absurdo xa. O penalti está pitado. Non se pode facer nada. O único que vas facer é frustrarte aínda máis, porque non podes facer nada. O Dépor ten 1 punto, non ten 3. O único que vale para emendar ese erro é gañar 3 en Estremadura. E asegúroche que o penalti estará esquecido e quedarémonos cos 3 de Estremadura. E logo a pensar no seguinte".