RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

William pide a #ANOSAFORZA que "siga crendo en nós" e advirte que "van pasar moitísimas cousas aínda"

William de Camargo asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que antes que noutros rivais, por exemplo o Real Racing Club, "nós estamos sempre pendentes de nós. Sabemos que gañaron os tres puntos onte, pero aínda quedan moitos puntos e vanse a dar moitas voltas".

Á caza do liderado agora, o atacante deportivista pide "tranquilidade, ir a por cada partido, gañar os tres puntos de cada fin de semana e non pensar no rival, pensar en nós e facer as cousas mellor para gañar os partidos".

Cre que é necesario recuperar "a confianza colectiva e individual para que no campo esteamos máis fluídos e que as cousas nos poidan saír ben".

Nesta liña, insiste en "mellorar nós individualmente e logo o colectivo vaino a notar. Temos que mellorar en concentración, dar todos un pouquiño máis para que as cousas volvan saír ben". "Necesitamos facer as cousas ben primeiro para volver gañar. Facendo as cousas ben, que os balóns empecen a entrar e sacando os resultados normalmente a confianza vai volvendo. O fútbol é así, parece que o tes todo feito e despois dáche volta e tes que remar máis que os demais para conseguir os puntos. O fútbol é precioso porque nunca está nada gañado, nunca un equipo ten algo garantido. Agora máis que nunca temos que mentalizarnos en facer as cousas aínda mellor do que viñamos facendo para sacar os puntos", engade William.

Achaca os últimos resultados do equipo á "ansiedade de querer marcar goles, de querer xerar. Iso está a facer que nos precipitemos máis e esteamos máis imprecisos. Temos que volver ter a confianza que tiñamos, ter tranquilidade e saber que xerando imos meter gol. Creo que é máis esa ansia de querer, de querer facer as cousas antes de tempo, antes de que o balón chegue querer facer gol. Iso estanos pasando e temos que ter máis tranquilidade".

O futbolista brasileiro, que sempre logra levantar ao público de ABANCA-RIAZOR coas súas xenialidades, é consciente que sofre durante os partidos moitas faltas dos defensas contrarios pero subliña que "teño que centrarme en xogar só. Xa sei que cada fin de semana vai pasar o mesmo e se me centro nos árbitros, na falta que me van a facer, desconéctome e deixo de xogar. Entón teño que centrarme en xogar ben e facelo o mellor posible para axudar ao equipo".

A #ANOSAFORZA pídelle que "siga crendo en nós porque somos os mesmos xogadores que na primeira volta fixemos todo ben e levounos a ter 51 puntos. Somos os mesmos, non cambiou nada, pero si cambiou a confianza; pero facendo as cousas ben, coas vitorias, todo volverá. Pídolles que non dubiden porque non hai nada perdido. Estamos segundos, tres puntos por detrás do Racing, pero nós estabamos a seis, sete puntos por diante deles e tampouco tiñamos nada garantido. O fútbol dá moitas voltas e van pasar moitísimas cousas aínda".

Finalmente, do CD Badajoz, rival no Nuevo Vivero este sábado 12 de marzo ás 19:00 horas (Fuchs Sports), William apunta que "é un equipo que vén crecendo, cada vez mellor, xogando ben. É un equipo moi perigoso, que lle gusta ter o balón, gústalle xogar, con moi bos futbolistas. Temos que estar moi concentrados porque será un partido complicado, saír a por todas e a gañar".