RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A deportivista Eva Dios, unha das revelacións da liga, repite convocatoria con España-sub 19

A canteirá do Deportivo ABANCA, Eva Dios, repite convocatoria coa selección española sub-19 para uns adestramentos, que nesta ocasión terán lugar na localidade alacantina de Alfaz del Pi desde o luns 7 ao xoves 10 de xuño.

A futbolista galega, unha das revelacións da Primera Iberdrola esta temporada, xa participou nunha concentración do equipo nacional o pasado mes de febreiro, aquela vez en Marbella.

Polos seus bos resultados, España quedou exenta de disputar a rolda de clasificación para o Campionato de Europa da categoría. Iso si, neste mes de xuño, en formato playoff, debe disputar o pase á fase final do mes de xullo en Bielorrusia.

Eva Dios xa sabe o que é vestir a camiseta da selección española, posto que formou parte do equipo nacional que, no ano 2018, conseguiu a medalla de bronce no Campionato de Europa de fútbol sala para persoas xordas disputado en Finlandia, sendo ademais elixida o quinteto ideal do torneo e mellor xogadora nova.

A selección española sub-19 xa contou con anterioridade con varias xogadoras do Deportivo ABANCA, como Nuria Rábano, Teresa Abelleira, Malena Mieres, Athenea del Castillo, María Méndez e Carlota Sánchez.

Esta semana, outra canteirá do Deportivo ABANCA, Paula Novo, está concentrada con España sub-17, tamén en Alfaz do Pi.