RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A SD Ponferradina de Segunda calibra a progresión do Dépor

A SD Ponferradina, o rival de máis fuste desta pretemporada á espera de coñecer o cartel do Trofeo Teresa Herrera, calibra mañá mércores 3 de agosto a partir das 18:30 a progresión do Dépor. O choque, segundo consecutivo no campo da Magdalena de Vilalba, corresponde á terceira cita da Dépor Xira Integral Motion 2022.

Atrás quedan dous rivais (Atlético Arteixo e Racing Villalbés) de Tercera RFEF. Avecíñase máis esixencia ante o equipo berciano, que quedou a temporada pasada a tan só 5 puntos de disputar o playoff de ascenso a Primeira División.

Na súa última cita antes do Dépor, a 'Ponfe' igualou en Mareo ante o Real Sporting de Gijón (1-1).

Para mañá, Borja Jiménez conta con varias baixas. Borja Granero, Héctor, Roberto Olabe e Trilli están con adestramento individualizado; aínda que o canteirán realizou esta tarde, na sesión vespertina programada en Abegondo, a primeira parte co grupo.

Tampouco está na lista Ibai Gómez, con dous adestramentos unicamente no Dépor.

Así pois, hai masiva representación de #ANOSACANTEIRA na convocatoria de 23 futbolistas: Jairo, Martín Ochoa, Brais Val, Tim Caroutas, Marcel e Ángel Puerto; ademais de Yeremay e Mella, en dinámica do primeiro equipo desde o inicio da pretemporada.

Como o resto de partidos de pretemporada, dentro da Dépor Xira Integral Motion, o encontro retransmitirase en directo a través da canle oficial de Youtube do Club grazas ao patrocinio de Integralmotion.es.

As entradas custan 10 euros, véndense anticipadamente para grupos a través do teléfono 600 799 853, de forma anticipada nas oficinas do club lucense e mañá pola tarde nos despachos de billetes do Estadio da Magdalena.

Esta tarde, após un quecemento con rondos, o corpo técnico dispuxo unha serie de exercicios tácticos (defensa en bloque alto, inicio de balón...) e un partido once contra once para concluír.

Finalizado o choque en Vilalba, segundo consecutivo na Magdalena este verán, o cadro está citado de novo o xoves 4 de agosto ás 9:00 na Cidade Deportiva, para un adestramento que comezará ás 10:30 horas.