RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex Bergantiños mostrouse "satisfeito" como competiu o equipo en Albacete

Álex Bergantiños foi o protagonista esta tarde na sala de prensa de Abegondo.

O capitán deportivista, após o primeiro partido ligueiro, asegura que "a predisposición de todo o mundo é tentar sumar. Estamos a formar un bo bloque. O equipo vai saber competir, sufrir nos partidos. Logo haberá días que esteamos máis ou menos acertados, con máis ou menos claridade con balón".

Do empate onte en Albacete, "pola miña experiencia o ano pasado, conceder unha ou dúas ocasións como concedemos en todo o partido non é fácil, ten mérito. Na categoría irase vendo que fóra de casa, os equipos cambian e sofren moito. Eu persoalmente estou satisfeito como competiu o equipo".

É máis, insiste en que o Deportivo "estivo máis preto de gañar que o Albacete. Iso fóra de casa, iniciando un campionato así, é positivo".

O mediocentro coruñés admitiu que "eles estaban ben replegados e custábanos profundar cando chegabamos ao último cuarto de campo. Tivemos bastantes chegadas, moitos centros laterais que non conseguimos conectar pero a medida que vaian avanzando os adestramentos e os partidos coordinaremos mellor ese tipo de accións".

Da arbitraxe de onte, Álex Bergantiños lembrou que "os árbitros tenderán a ser o máis xustos posibles. É unha profesión complicada, que teñen que decidir en décimas de segundo. É raro que en Primeira se poña o VAR e en segunda, que somos igual de profesionais, sería unha axuda para este tipo de circunstancias".

Lembra que a situación do Deportivo é máis complicada polo descenso, "os cambios no cadro, na maneira de xogar. Vai ir mellorando a nosa versión a medida que avancen os partidos. Pero a competición vainos a pór dificultades diferentes. O que hai que facer é adaptarse constantemente. Nese aspecto estamos a puír cousas da nosa maneira de xogar e de entender os partidos. A competición vaiche a marcar que nivel tes. O ideal é ir crecendo conforme avanza a competición".