RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#ANosaHistoria: O Dépor debutaba en Europa hai 25 anos

O 14 de setembro de 1993, o Deportivo colocaba outro fito na súa traxectoria, que entón transitaba polos 87 anos de camiño, ao disputar o primeiro partido da súa historia en competición europea.

Hay 25 anos que o equipo branquiazul estreábase en Europa. En Aalborg, unha pequena localidade ao norte de Dinamarca, o Deportivo enfrontábase ao conxunto local no encontro de ida dos treintaidosavos de final da Copa da UEFA. O resultado, 1-0 a favor do cadro local, non foi nin moito menos un presaxio do que se aveciñaba. No encontro de volta, Bebeto lograba o primeiro tanto branquiazul en Europa. En Riazor, o conxunto herculino remontaba a eliminatoria cun contundente 5-0.

No Aalborg Stadion, o Deportivo, dirixido por Arsenio Iglesias, formou con: Liaño; López Rekarte, Paco, Djukić, Voro, Nando; José Ramón, Donato, Fran; Manjarín e Claudio.

Clica aquí para ver un vídeo do Aalborg-Dépor do 14 de setembro de 1993

Os branquiazuis lograran a clasificación para o torneo continental ao concluír na terceira posición o Campionato de Liga de Primeira División da campaña 1992-1993. O 23 de maio de 1993, grazas a un gol de Marcos Vales ao Zaragoza na 34ª xornada, o equipo adestrado por Arsenio Igrexas tramitaba o seu primeiro pasaporte para medirse á flor e nata do fútbol europeo. O 14 de xullo daquel ano, a bóla co nome do RC Deportivo entraba por primeira vez no bombo dun sorteo europeo.

O Deportivo disputou competicións europeas en 12 temporadas das 16 comprendidas entre aquela 1993-1994 e a 2008-2009 na que, fai xusto 10 exercicios, compareceu por última vez nalgún dos torneos organizados pola UEFA, disputando o seu último partido, curiosamente, contra o mesmo rival que no primeiro, o Aalborg danés.

Esas 12 participacións deixaron tras de si un total 112 encontros, divididos en 4 competicións: Liga de Campións (62 partidos), Copa da UEFA (32), Recopa (8) e Copa Intertoto (10). O Deportivo gañou 51 deses 112 choques, empatando 24 e perdendo 37. O balance goleador foi de 153 tantos a favor e 128 en contra. Eses 112 partidos sitúan ao equipo coruñés na oitava posición do ranking español a día de hoxe.

Os futbolistas con máis partidos europeos de branquiazul ás súas costas son Fran e Valerón, con 66 cada un. Os xogadores que máis encontros disputaron por competición son Scaloni (52 en Liga de Campións), Voro, Manjarín e Aldana (8 en Recopa), Donato e Fran (17 en Copa da UEFA) e Manuel Pablo (9 en Copa Intertoto). O máximo goleador en total é Tristán, con 16 tantos, seguido de Makaay (15) e Bebeto e Pandiani (13).  

Aquel 14 de setembro, o Dépor converteuse no 19º club español en disputar un partido de competición europea. A posteriori, o Dépor situouse como un dos 10 únicos equipos españois que participaron nas tres grandes competicións continentais: Liga de Campións, Liga Europa e a desaparecida Recopa. Ademais, o cadro branquiazul é un dos 7 españois que alcanzaron as semifinais en máis dun torneo continental: a Recopa (1996) e a Liga de Campións (2004). Tamén é un dos 6 equipos que chegaron algunha vez á penúltima rolda da máxima competición europea, na que é o quinto conxunto de España con máis partidos disputados, só superado por Real Madrid, Barcelona, Atlético de Madrid e Valencia.

Para conmemorar tal efeméride, o RC Deportivo compartirá proximamente cos seus afeccionados unha publicación que rememora os seus 112 partidos europeos e que se completa cun extenso apéndice estatístico para sabelo todo sobre a súa traxectoria continental.