RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#AsNosas reforzan o seu liderado (2-1)

O Dépor ABANCA retomou a senda do triunfo en Abegondo ao impoñerse ao Athletic Club B grazas a un postremeiro gol de Raquel García que lle serve para consolidarse no liderado de Primera Federación FutFem ao unirse o empate do CP Cacereño e a derrota da SD Eibar.

O primeiro cuarto de hora de xogo desenvolveuse cun claro dominio deportivista, pero sen que as pupilas de Irene Ferreras apenas pisasen a área rival. Soamente un zurdazo cruzado de Charle, no minuto 9, obrigou a intervir a Paula, porteira visitante.

O primeiro achegamento das biscaíñas produciuse no minuto 19, cando Lucía saíu a despexar de puños unha falta lateral lanzada por Estefa e o rexeite rematouno Urzainqui a mans da porteira deportivista.

As deportivistas abriron o marcador no minuto 25. Foi despois dun balón longo para Ainhoa Marín, que gañou a carreira ao seu par, desbordouna cun chapeu, xa na área regateou a dous rivais máis cun recorte cara a fóra antes de superar á porteira cun dereitazo raso. Un gran gol da dianteira catalá, que xa suma 6 na presente campaña ligueira.

A partir dese instante, o filial branquivermello deu un paso adiante e atacou en maior medida que as deportivistas. O Athletic Club B forzou varios saques de esquina e xerou dúas boas ocasións. No minuto 40, nunha falta colgada á área que Eider, completamente soa e con todo a favor, controlou un pouco longo. Lucía fíxose coa pelota. Poucos segundos máis tarde, Muniozguren recuperou a pelota en tres cuartos e tentou sorprender de lonxe a Lucía, que atrapou o coiro.

A segunda metade comezou moito máis desnivelada que calquera momento da primeira. O Dépor ABANCA inclinou o campo e comezou a acumular oportunidades para abrir brecha no marcador. Inés rematou un córner coa esquerda a mans de Paula no minuto 51. No 58, un centro de Charle desde o extremo dereito rematouno Sara Navarro coa súa perna dereita a mans da gardameta do equipo vasco. Poucos segundos máis tarde foi Charle a que o probou cun zurdazo raso desde fóra da área que se perdeu á esquerda do portal branquivermello. E a continuación, un novo zurdazo cruzado de Charle após un pase longo de Paula Gutiérrez rozouno Paula para desviar a pelota a córner.

Pero como adoita suceder nestes casos, quen marcou foi o Athletic Club B. Corría o minuto 63 cando o Dépor ABANCA viu como o seu rival empataba o encontro nunha acción de auténtica mala fortuna. Inés despexou sobre a liña de gol un disparo de Irati que desviara Lucía, o balón golpeou no brazo esquerdo da porteira deportivista e introduciuse na portería coruñesa.

A partir de entón, o dominio coruñés foi in crescendo. No minuto 67, Raquel García cabeceou alto un córner lanzado por Monteagudo. No 76, Ainhoa Marín recuperou unha pelota na custado da área e puxo un balón interior para Sara Navarro que, chegando desde atrás no punto de penalti, non puido controlalo por milímetros. No minuto 84, Miranda rozou o xusto un centro de Paula Gutiérrez para sacarllo da cabeza a Inés, que se lanzaba en prancha completamente soa no segundo pau.

Esta vez o cántaro si foi tanto á fonte que rompeu. No minuto 87, un córner lanzado por Paula Gutiérrez cabeceouno Raquel García, gañando o salto a Nere, ao fondo das mallas. Foi o segundo tanto da temporada para a central madrileña.

O filial branquivermello vendeu cara a súa derrota. En nada se pareceu ao equipo ao que gañou o Dépor ABANCA na primeira volta en Lezama (0-3) e ao que ocupa postos de descenso con só 12 puntos.

Con este triunfo, as branquiazuis suman 25 dos 30 puntos postos en xogo no que vai de campaña en Abegondo, produto de 8 vitorias, 1 empate e 1 derrota. O Dépor ABANCA totaliza 37 puntos, que lle serven para seguir liderando a clasificación de Primera Federación FutFem trala disputa de 18 xornadas. Agora faio, ademais, en solitario, despois da derrota da SD Eibar ante o CDF Osasuna (0-1) e do empate do CP Cacereño en campo do RCD Espanyol (0-0).

Deportivo ABANCA: Lucía, Cris, Inés Altamira, Raquel García, Monteagudo, Henar, Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín (Patri López, min. 90+1), Eva Dios (Sara Navarro, min. 55), Charle (Carlota Sánchez, min. 89) e Millene (Carlota Suárez, min. 55).

Athletic Club B: Paula, Zuriñe (Oiane San Martín, min. 62), Laida, Eider, Nere, Artero, Miranda, Iribarren (Irati, min. 62), Estefa (Mara, min, 89), Muniozguren (Lekue, min. 71) e Urzainqui (Malen Uranga, min. 62).

Goles: 1-0 Ainhoa Marín (min. 25); 1-1 Lucía, en propia meta (min. 63); 2-1 Raquel García (min. 87).

Árbitra: Andrea López Méndez (c. navarro). Cartón amarelo a Paula Gutiérrez (min. 49), Henar (min. 71) e Irati (min. 77).

Incidencias: partido da 18ª xornada de Primera Federación FutFem disputado na Cidade Deportiva de Abegondo.