RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borges apunta que o partido de onte "dános moito ánimo para esta semana que vén"

Celso Borges foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo. "Queriamos gañar. Fomos aí con esa idea. Fixémolo bastante ben. Dános moito ánimo para esta semana que vén, que é moi importante", apunta o internacional deportivista sobre o empate ligueiro ante o Espanyol.

Resalta do choque no estadio espanyolista que "aínda cando nos empatan, que é cando os equipos tenden a desordenarse un pouco, nós seguimos primeiro moi ordenados e segundo tratando de facer o fútbol que nos permitira chegar ata o 1-0".

Autor onte do quinto tanto na súa conta particular, "faise bastante sinxelo cando un ten compañeiros que achegan moita asistencia, que están sempre insistentes na área rival. Ás veces tócame a min, ás veces outro compañeiro. Niso podo axudar. É unha das cousas nas cales considero que se poden ir mellorando", recalca Borges.

Con outro partido oficial en Copa este mércores 11 de xaneiro en Mendizorroza ante o Alavés (19:00 horas, Bein Sports), o mediocentro deportivista insiste en que "estamos moi animados con todo isto da Copa e da liga. Non é que a valoremos pouco nin moito menos. Estamos moi emocionados, queremos pasar de fase. Cando hai bos resultados animicamente aféctache de maneira positiva. Por máis cansazo que poida haber, sempre tes a sensación de estar fresco, de querer xogar".