RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez deseña en ABANCA-RIAZOR o plan para Las Gaunas

Borja Jiménez e os seus futbolistas trazaron esta mañá en ABANCA-RIAZOR, a porta pechada, o plan de partido para a visita á SD Logroñés deste domingo 13 de febreiro (12:00 horas, Footters).

O técnico deportivista, após un breve quecemento, dispuxo unha serie de partidos a tres cuartas partes e a campo completo. Realizou como é habitual continuos cambios de posicións e de sistemas; e impartiu consignas aos seus futbolistas.

Só Víctor está con adestramento individualizado pero Yeremay, titular onte en ABANCA-RIAZOR co Xuvenil A na UEFA Youth League, estivo á marxe do grupo con tarefas de recuperación física.

Ademais do citado canteirán, Noel –a pesar de que xogou onte a primeira parte ante o FC Dynamo Kyiv–, Trilli, Brais Val, Iván Guerrero e Alberto foron a representación esta mañá de #ANOSACANTEIRA.

Mañá venres, o Dépor adestrarase en Abegondo a partir das 11:00 horas.