RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Brais Suárez dá as grazas a #ANOSAFORZA: "Nin nos nosos mellores soños imaxinariámonos que ía pasar isto"

Brais Suárez, capitán do Xuvenil A, quixo en primeiro lugar na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR "dar as grazas a #ANOSAFORZA. Foron 20.000 persoas. Nin nos nosos mellores soños imaxinariámonos que ía pasar isto".

O meta deportivista, sobre a eliminatoria ante o FC Dynamo Kyiv, indicou que "o fútbol é así. Expoñemos moi ben o partido, coas ideas claras. Tivemos a mala sorte de contar cun xogador menos xa na primeira parte, pero o equipo loitou con todo o que tivo. A quenda de penaltis é iso, sorte. Hoxe non nos tocou pero todo o mundo viu o noso traballo, o noso sacrificio e iso é o que máis importa".

Sobre a expulsión, lembrou que nestes partidos "hai un nivel de intensidade enorme. En milésimas de segundo está a diferenza de chegar ou non chegar. Hai que ver o cartón con máis calma pero son décimas de segundo".

Da quenda de penaltis, Brais indica que "é mala sorte. Pódense traballar pero se o balón non quere entrar, non vai entrar".

Finalmente, confesou case entre bágoas que todos os futbolistas branquiazuis estaban "emocionados porque a pesar de perder, #ANOSAFORZA non se quería ir de ABANCA-RIAZOR, animando coma se fose unha gran vitoria".

Nesta liña, queda desta histórica edición da UEFA Youth League "co gran entusiasmo que mostrou #ANOSAFORZA cada día que xogamos en ABANCA-RIAZOR, sobre todo os nosos amigos os gladiadores Riazor Blues. Xa desde o primeiro día apoiaron coa máxima forza posible. Para nós foi un soño incrible. Nunca nos imaxinamos con 17, 18, 19 anos xogar diante da nosa xente a Champions League, que foi o máis grande que fixo este Club".