RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Carmelo del Pozo cre que o proxecto do Dépor é "ilusionante, con moito traballo por diante".

Tino Fernández presentou este mediodía na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR a Carmelo del Pozo (Segovia, 2 de xullo de 1969) como novo Director Deportivo.

O Presidente deportivista explicou que a súa elección formou parte de "un proceso que iniciamos ao final do mercado de inverno, ao empezar febreiro, de análise de posibles candidatos para expor un novo modelo da Dirección Deportiva. Adiantaramos no seu momento un cronograma e uns tempos que apuntaban a final de abril, segunda quincena de abril, como prazo para tomar unha decisión".

Tino Fernández desvelou que ese proceso "me deu a oportunidade de coñecer diferentes modelos e formas de funcionar tanto na liga española, Primeira e Segunda División, en clubs de Italia, Inglaterra, Portugal e Francia... Despois de toda esa análise, despois dunha chea de entrevistas non só cos propios candidatos senón con persoas do mundo do fútbol que podían achegar valor nese proceso, tomamos a decisión de que Carmelo fose nosa primeira opción para este proxecto. Fixemos unha oferta, xa consumado o noso descenso hai dous domingos e el, tamén facendo un esforzo, que é un punto a favor, aceptou a nosa proposta. Está aquí connosco. Dámoslle a benvida á cidade e desexámoslle os maiores éxitos porque o seu éxito será o noso. Isto é un proxecto colectivo, de responsabilidade compartida cando as cousas van ben e cando as cousas van mal. É unha peza importante. A partir del a estrutura deportiva non só do primeiro equipo, filial, fútbol base, estarán coordinadas por el".

Carmelo del Pozo, en primeiro lugar, quixo agradecer "a todos aqueles equipos nos que traballei e especialmente ao Levante por facilitar o desenvolvemento da miña carreira e conseguir un obxectivo tan importante como é traballar no Deportivo. E facilitarme a miña saída por unha situación contractual que tiña con eles".

Confesa que a chamada do Deportivo "era unha oportunidade ideal. É un proxecto con visos de percorrido a medio e longo prazo interesante". Insiste en que o proxecto "era moi ilusionante, con moito traballo por diante, cunha situación de dificultade que todos vivimos co descenso. Pero entendín que o reto era magnífico".

Na súa opinión, "a este proxecto non se pode vir por un tema económico. Hai que vir ilusionado, motivado. Todo aquel que queiramos involucrar neste proxecto ten que vir con esa idea. É unha situación de moita dificultade, pero moi bonita, moi atractiva. Ten que estar todo o mundo ilusionado".

Subliñou que agora "é fundamental acabar ben a competición. Hai que darlle respecto ao afeccionado, a todas aquelas persoas que queren ao Dépor. Hai que acabar con dignidade e ben a competición. A partir de aí poderanse facer cousas sobre o novo proxecto do Deportivo".

Destaca que "me gusta moito a canteira. Traballei no Rayo, no Betis... É un valor engadido. Hai xogadores que adoitan dar un plus, xogadores que aos poucos van entrando e que achegan. Eu son os que pensa que un xogador da canteira funciona, para nós até economicamente é mellor", engade.

Márcase nos próximos días, sobre todo por mor de acabar a competición, "falar con todos os xogadores e con todos os técnicos para saber que pensan. É unha situación difícil e o que veña ten que vir motivado e ilusionado. Non ten que vir como un castigo ou como 'jope, tócame quedarme no Deportivo'. Non. 'Eu quero estar no Deportivo'. O que non transmite esas frases, realmente xa está fóra do Deportivo".

Na súa filosofía de Dirección Deportiva, "toda a xente está interrelacionada. Ten que haber comunicación. Non pode haber compartimentos estancos. Non está o primeiro equipo por unha banda, o Fabril por outro, a canteira por outro. Todo se interrelaciona porque todo está en beneficio do Dépor. Gustaríame que todo o mundo tivésemos unha boa relación, un bo 'feeling' e un traballo en equipo".

Bo coñecedor da Segunda División, advirte que "é importante ter calma, ter paciencia. A Segunda é a categoría máis dura e máis longa de todas. Suponse que vai haber moitos picos. Vai haber situacións de dificultade na cal imos necesitar á afección. O que imos buscar é compromiso. Que a xente que veña teña compromiso. A persoa que vaia ao campo senta feliz e satisfeita do que ve no campo".