RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Dúas decisións arbitrais privan ao Dépor da vitoria en El Toralín (1-1)

O Dépor salvou un punto en El Toralín grazas a un gol de cabeza de Pablo Vázquez nun saque de esquina, após sufrir a rigorosa expulsión de Pablo Martínez con case 80 minutos de xogo por diante e a que a SD Ponferradina adiantouse cun tanto en posición ilegal.

Cinco cambios realizou Imanol Idiakez, preparador deportivista, con respecto ao once presentado a pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR ante o RC Celta Fortuna. En defensa, Ximo Navarro, lesionado, e Dani Barcia deixaron o seu sitio a Paris Adot e Jaime. Da zona de vangarda caeron Cayarga, Pablo Valcarce e Mella en favor de Hugo Rama, Salva Sevilla e Martín Ochoa.

O Dépor arrancou con ganas de mandar e xerou dous achegamentos claros antes do minuto 5. Primeiro, nun disparo de Martín Ochoa desviado por un defensa a córner. Despois, na acción do saque de esquina, xogado en curto, cun balón solto após un centro curto de Paris Adot que caeu a pés de Jose Ángel, que non chegou a impactar o coiro diante do porteiro berciano.

Con todo, o primeiro achegamento do conxunto local, no minuto 10, deu ao traste con todo plan inicial. Pablo Martínez recuperou o coiro á saída dun córner, tentou arrancar pero adiantouse demasiado ao balón. O francés foi ao chan e, aínda que chegou primeiro ao balón, despois contactou con Brais Abelenda. O colexiado mostroulle a cartolina vermella directa, segunda en 8 xornadas para o Dépor despois da que viu Lucas fronte ao CD Teruel en ABANCA-RIAZOR.

Imanol Idiakez refixo o equipo situando a Diego Villares como lateral dereito e pasando a Paris Adot ao esquerdo, onde arrancara o francés ante as ausencias nesa posición. En mediocampo, dobre pivote con Salva Sevilla e Jose Ángel, con Hugo Rama aberto á esquerda e Martín Ochoa na dereita e Lucas como referencia arriba.

De todos os xeitos, o Dépor non lle perdeu a cara ao partido e estivo a piques de adiantarse no minuto 18. Unha acción nun saque de banda no extremo dereito acabou dentro da área a pés de Diego Villares, que disparou coa esquerda e o esférico perdeuse pola liña de fondo rozando o pau dereito.

A primeira ocasion do equipo berciano chegou no minuto 21. Foi un trallazo de Ernesto desde a frontal da área que Mackay despexou coas súas mans cara á dereita.

A partir de entón, o control do equipo local fíxose máis patente, aínda que tampouco xerou gran cantidade de oportunidades antes do descanso. Quizá a máis clara chegou no minuto 23, cando Yuri recibiu só na área, e ante o seu dereitazo cruzouse Pablo Vázquez para desviar a pelota a córner. Nese saque de esquina, Salva Sevilla sacou practicamente baixo paus unha cabezada peiteada de Markel.

Outra cabezada de Leal, no minuto 41, fácil para Mackay, e unha dobre ocasión no minuto 43, completaron os achegamentos máis claros do equipo berciano. Primeiro, unha dura volea de Brais Abelenda que rexeitou Pablo Vázquez no punto de penalti cando ía cara a portería. A continuación, un dereitazo alto de Carrique desde 25 metros.

Idiakez mantivo ao seu '10' no inicio da segunda metade, no que Brais Abelenda enviou o esférico á dereita da portería coruñesa após meter a punteira ante Pablo Vázquez a un pase interior.

O partido parecía máis equilibrado. Ou polo menos, o Dépor gorecíase con acerto, evitando oportunidades claras do conxunto ponferradino. Mesmo no minuto 56, Lucas rematou caendo ao chan un balón desviado levemente por un defensa a disparo de Hugo Rama. O zurdazo do dianteiro coruñés foise alto.

A 'Deportiva' respondeu o minuto 60 cun disparo cruzado de Dacosta que atrapou Mackay. E recentemente superado o minuto 70, adiantouse no marcador nunha xogada polémica. Dacosta peiteou un centro desde a esquerda do ataque local que no segundo pau rematou ao fondo das mallas Brais Abelenda. A posición do goleador é dubidosa tralo toque de Dacosta, pero non deixa lugar a dúbidas cando Yuri toca a pelota a posteriori, con Brais Abelenda tres metros por detrás do último defensa coruñés. A acción foi moi protestada polos xogadores herculinos pero o tanto subiu ao marcador.

O Dépor deixou claro que non ía irse sen premio e deu un paso adiante. No minuto 77, unha chegada de Villares pola dereita non acertou a rematala Lucas cara aos tres paus. E no minuto 85, chegou o tanto do empate. Pablo Vázquez cabeceou por riba de varios defensas limpamente ao fondo das mallas un córner lanzado por Lucas desde a dereita do ataque coruñés.

Unha acción similar, xa en tempo engadido, estivo a piques de supoñer o tanto da vitoria deportivista, pero Jaime só chegou a rozar o centro de Lucas. O disparo de Retu no segundo pau foise a un novo saque de esquina após debotar nun defensa.

Co partido practicamente acabado, Álvaro Vázquez quedou só, en posición de fóra de xogo tampouco sinalada, man a man con Mackay, que aguantou de pé o intento de picar o balón do dianteiro local e desbaratou a ocasión.

Con este empate, o Dépor volve sumar despois de sufrir dúas derrotas consecutivas, para alcanzar os 8 puntos ao cabo de 8 xornadas.

SD Ponferradina: Andrés Prieto, Carrique, Jesús Fernández, Leal, Andoni López, Markel, Igbekeme, Brais Abelenda (Ale Díez, min. 73), Ernesto (Clavería, min. 80), Dacosta (David Soto, min. 80) e Yuri (Álvaro Vázquez, min. 85).

RC Deportivo: Mackay, Paris Adot, Jaime, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Jose Ángel, Salva Sevilla (Davo, min. 82), Diego Villares (Retu, min. 82), Lucas, Hugo Rama e Martín Ochoa (Pablo Valcarce, min. 62).

Goles: 1-0 Brais Abelenda (min. 71); 1-1 Pablo Vázquez (min. 85).

Árbitro: Manuel Pozueta Rodríguez (c. cántabro). Expulsou con vermella directa a Pablo Martínez (min. 13). Cartón amarelo a Markel (min. 85).

Incidencias: partido correspondente á 8ª xornada do grupo 1 de Primera Federación disputado no estadio de El Toralín ante 7.589 espectadores, con preto dun milleiro de deportivistas nas bancadas.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK