Goleada de España sub-19 a Hungría con Teresa Abelleira no once inicial
Foto: - @Futgal -
Teresa Abelleira está concentrada coa selección española sub-19 nun Mini Torneo Elite no Estadio Vero Boquete San Lázaro (Santiago de Compostela), até o 9 de abril.
Todos os partidos son gratis, pero os afeccionados deben pasar previamente polo despacho de billetes para retirar a súa entrada, condición indispensable para acceder ao estadio, tal e como recolle a regulamentación UEFA.
Hoxe sábado 6 de abril España goleou (7-0) a Hungría no segundo test desta competición. Teresa Abelleira saltou de inicio ao campo e foi relevada por Nerea Eizaguirre no minuto 57, co partido xa sentenciado.
España debutou o pasado mércores 3 de abril fronte a Serbia. A capitá do Deportivo ABANCA foi titular e xogou completo un partido no que venceron as españolas (2-0), grazas ao dobrete goleador de Eva Navarro.
A selección española xogarase o pase ao Campionato de Europa o vindeiro martes 9 de abril (18:30), no Estadio Vero Boquete San Lázaro de Santiago ante a República de Irlanda. Será o terceiro e último encontro desta Mini Rolda Elite.
O calendario completo de partidos da selección española é o seguinte:
Mércores 3 de abril ESPAÑA 2 - SERBIA 0
Sábado 6 de abril ESPAÑA 7 - HUNGRÍA 0
Martes 9 de abril 18:30: REPÚBLICA DE IRLANDA - ESPAÑA
Por este motivo, Teresa Abelleira será baixa mañá domingo 7 de abril (16:00 horas) no partido correspondente á 3ª xornada no grupo 1º da Copa Galicia de Segunda División Nacional no campo de Santa Isabel de Santiago ante o Victoria FC.
A capitá branquiazul é unha das internacionais españolas coas que conta o Deportivo ABANCA, do mesmo xeito que Nuria Rábano, Malena Mieres e Carlota, esta última do Deportivo ABANCA B.