RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Imanol queda coa reacción, coa segunda parte e co arreón de pelexar até o final

Imanol Idiakez manifestou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que "sendo o gol (do empate) como foi ao final, a verdade é que gañamos un punto pero analizando a segunda parte, co penalti fallado, posiblemente era un partido que o podiamos sacar".

Admite que a primeira parte "foi non moi boa. Faltounos bastante ritmo; pero na segunda parte arranxámolo. Fixemos unha segunda parte decente como para dar a volta ao marcador. Un punto máis e a seguir no camiño. Isto é moi longo. Aquí a todo o mundo cústalle gañar. Agora a recuperarnos e a pensar no CF Rayo Majadahonda".

Reitera que "esa xeira de gañar por 4 goles varias semanas consecutivas non é a realidade do fútbol deste nivel. Ademais os rivais prepáranse, péchanche os camiños; e se o xuntas cun día que non estás inspirado, como foi o caso, pode pasar. Fixéronnos un gol a balón parado que puidemos defender mellor; se non, é unha primeira parte de 0-0 na que o rival tampouco fai gran cousa".

Queda "coa reacción, coa segunda parte. Se chega a entrar o penalti, con todo o tempo que queda por diante, o partido cambiase. E co arreón de pelexar até o final. O gol de Barbero é de pelexar até o final. No desconto non tivemos ese acerto de atopar unha que ás veces pasa coa inercia do empate. Un punto máis e en día onde non estivemos brillantes, seguimos sumando".

O técnico deportivista pensa que "entendendo a dificultade na competición, nun día que non estás ben vimos e que moitos partidos destes que acabas 0-1 perdendo, o equipo acaba empatando e podendo facer un pouquiño máis. Queda moito, vai ser moi longo. Xa vemos cada semana o que custa gañar a todo o mundo".

Pide "ser conscientes diso, gozar do camiño e prepararnos ben para a semana que vén, que nos imos a enfrontar cun equipo que se xoga a vida e váinolo a pór moi difícil".

Pola súa banda, Óscar Cano, ex adestrador do Dépor agora aos mandos da CE Sabadell, afirmou que "na primeira parte estivemos sensacionais. Chegou o gol noso e deixábame moi contento. A partir de aí eles teñen que apertar, que empuxar. Teñen xogadores de moito talento, doutra categoría. O erro de Lucas no penalti déranos unha vida extra que Barbero nos quitou ao final".

Pensa que "o empate é xusto pero polo minuto no que o conseguiron quédaseme mal sabor de boca. Hai que valoralo todo. Este é un campo moi difícil. Dígoo con coñecemento porque adestrei aquí e era moi difícil para os equipos rivais puntuar en ABANCA-RIAZOR".