RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Irene Ferreras: "A temporada que vén imos volver a tentalo con máis ilusión se cabe"

Minutos despois de acabar o encontro ante o Granada CF, Irene Ferreras asegurou na sala de prensa de Abegondo que "penso xa no proxecto do ano que vén". 

Confesa que "tanto o Club como a cidade síntoa fogar. Iso non é nada fácil" e confirma que "a temporada que vén estarei aí, estará todo o meu staff e imos volver a tentalo con máis ilusión se cabe".

A adestradora deportivista explica que veu ao Dépor ABANCA "porque é un Club que cría nos procesos. Non ía ir a un sitio onde me esixisen uns resultados deportivos independentemente de como fose o tránsito e de como se fosen dando as cousas. Se estivemos 10 meses currando para sacar cousas do equipo, o máis intelixente é darlle continuidade a moitas desas futbolistas que nos levaron a soñar dúas veces; e estou segura que cun pouco máis de experiencia, collendo confianza, galóns e táboas en certos partidos van ser xogadoras máis feitas. É un momento de ver o bo que temos. Hai que ter tranquilidade. O traballo en liñas xerais do cadro foi moi bo. Para min o máis intelixente é que o groso do cadro teña renovación e manteñamos o traballo que fixemos esta temporada".

No entanto, asume que "hoxe é un día duro onde hai que tragar, desbórdanseche as emocións. Hai que saber asumir que no deporte estas cousas suceden. Quedo coa imaxe do equipo. Pelexamos até o final o ascenso en liga regular, pelexámolo até o final na final do playoff".

Subliña que "agora mesmo só teño palabras de agradecemento cara ás miñas xogadoras polo decoro e o amor propio que mostraron. Puidémonos equivocar, puidemos cometer erros. O fútbol é un deporte onde cada pequena cousa que fas ten consecuencias pero fixérono coa mellor das intencións e sen perder a cara ao día a día, á competición, a cada partido, a cada situación de xogo".

A técnica branquiazul, "ao ver ás miñas xogadoras compunxidas", móstrase "con ganas de converter iso en algo moi bonito a temporada que vén. Diso vivimos no fútbol, de utilizar as cousas que che pasan para tentar ser mellor ao día seguinte".

Con longa experiencia no fútbol como xogadora e adestradora, lembra que "ao final as bágoas de hoxe, o que hoxe vemos de maneira negativa, co tempo dáselle outra perspectiva. Son vivencias, son experiencias. Todas as futbolistas que tiven a sorte de adestrar esta temporada sei que co tempo saberán valorar o que vivimos e o bonito que construímos este ano. Máis aló diso sinto orgullo polo equipo, orgullo polo que fixemos e por pelexalo até o final. Non nos faltou nada".

Cualificou de "precioso" o ambiente de Abegondo durante o partido: "Levámonolo para sempre. Sabiamos que o resultado era algo que non podiamos controlar pero si entregar o 100% e o que #ANOSAFORZA sentise orgullosa. Á parte de acompañarnos durante toda a temporada, no momento máis difícil estivo aí. Hoxe encheu Abegondo cando as cousas estaban moi en contra. Iso ten moito máis mérito e máis valor".

Nesta liña, Irene Ferreras confesa sentir "un agarimo, un arroupo especial por parte de Abegondo. Hoxe empuxáronnos até o último momento. Agradézolles que cresen como cremos nós. Sentimos de todo corazón non poder brindarlles esa alegría pero nesta vida un cando se baleira e dáo todo ten que estar satisfeito e durmir tranquilo. Traballaremos, melloraremos, seguirémolo tentando. As experiencias que viviron estas futbolistas vannos a servir para o futuro".

De feito, vaticina que o de hoxe é "o partido máis especial que vivín na miña carreira de adestradora. Goceino. Sentín a #ANOSAFORZA. Non me podo pedir máis. Agradecerlles de todo corazón o que nos deron e pronto llo devolveremos".

Quixo felicitar ao Granada CF polo seu ascenso á Liga F porque "sei o que custa. É un Club que leva moitos anos de traballo ás costas e o que están a vivir elas hoxe estou convencida que o imos a vivir nós máis pronto que tarde".