RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA pecha o curso do ascenso á Liga F cun empate en Albacete (2-2)

O Deportivo ABANCA evitou a terceira derrota do curso nos últimos minutos da súa visita ao CD Alba Fundación Femenino, no peche da temporada do regreso á máxima categoría nacional, a Liga F, consumado con antelación o pasado domingo en ABANCA-RIAZOR após vencer ao Cacereño Femenino.

O conxunto manchego comezou dominando o encontro e gozando de dúas boas ocasións no primeiro cuarto de hora. No minuto 7, Lucía realizou un paradón a disparo de Martita, desviando a córner. E no 12, Elena disparou cruzado ao pau dereito da portería herculina e o balón saíu directamente rebotado cara ás mans da porteira branquiazul.

No seu primeiro achegamento, o Dépor ABANCA adiantouse no marcador. Ía cumprirse o cuarto de hora de xogo cando Millene xogou ao oco para Ainhoa Marín, á que lle tapou o man a man Laura Sánchez. O rexeite caeu a Millene, que foi derrubada por Leire dentro da área. A colexiada sinalou penalti e a dianteira brasileira transformouno no 0-1, o seu décimo sexto tanto da temporada e o seu 29º coa camiseta branquiazul, co que iguala á venezolana Kika Moreno no sétimo posto da táboa histórica do Dépor ABANCA en partidos oficiais.

O equipo local non baixou os brazos e seguiu buscando a portería herculina. Aos 26 minutos, Celia Gómez cazou un balón solto na área e a súa zurdazo raso foise rozando o pau dereito. O empate chegaría no minuto 32. Leire, nun libre directo desde a frontal da área, puxo a pelota coa zurda lonxe do alcance de Lucía.

Ainhoa Marín puido desfacer o empate rapidamente. A catalá, no minuto 34, encarou polo extremo dereito e o seu disparo coa dereita foise alto. Pouco despois, no minuto 38, Lucía tivo que realizar outra gran intervención nun remate de socato de Laura Teruel, que enganchou un balón solto á saída dun córner.

A segunda metade transcorreu polos mesmos camiños, aínda que a primeira ocasión clara non chegou até o minuto 70. Millene, após unha veloz transición e unha bicicleta dentro da área, soltou un dereatzo que rexeitou coas pernas Laura Sánchez.

A formación local tentouno en moitas ocasións de lonxe, como no minuto 71 por medio de Zafra, co balón á dereita da portería de Lucía; no 75 en botas de Elena, que disparou alto, e uns segundos despois por parte desta mesma xogadora, que enviou o coiro rozando o pau dereito do marco branquiazul.

O CD Alba Fundación Femenino adiantouse no minuto 86, cando Riu rematou un pase en profundidade de Zafra superando por riba a saída de Lucía. A alegría durou pouco ao equipo manchego, que viu como o Dépor ABANCA empataba no minuto 89. Laurina superou á porteira local cunha bonita vaselina co exterior do seu pé dereito, remachando un balón ao oco de Ainhoa Marín. Foi o segundo tanto da temporada da asturiana que, curiosamente, anotara o primeiro na primeira xornada e volve ver porta na última.

Xa en tempo engadido, Carlota puido dar a vitoria ás branquiazuis. A canteirá regateou a varias contrarias e disparou duro desde a frontal, pero Laura Sánchez detivo o esférico.

O Dépor ABANCA pecha a temporada nunha segunda praza que vale o ascenso á máxima categoría, despois da vitoria do FC Barcelona B en campo do Athletic Club B (0-3). As azulgranas suman 58 puntos, por 56 das branquiazuis, que gañaron 16 partidos, empatado 8 e perdido soamente 2 (en Barcelona ambos, ante o filial azulgrana e o RCD Espanyol), con 43 goles a favor e 23 en contra.

CD Alba Fundación: Laura Sánchez, Laura Teruel, Celia Fernández, Leire, Padilla, Celia Gómez (Bea Prades, min. 86), Martita, Nata, Mireya (Claudia Riumalló, min. 77), Elena (Amparito, min. 86) e Lucía (Zafra, min. 65).

Deportivo ABANCA: Lucía, Samara (Cris Martínez, min. 63), Inés Altamira, Raquel García, Sara, Henar (Lucía Martínez, min. 78), Eva Dios (Laurina, min. 78), Monteagudo (Paula Gutiérrez, min. 46), Ainhoa Marín, Charle (Carlota, min. 63) e Millene.

Goles: 0-1 Millene, de penalti (min. 16); 1-1 Leire (min. 32); 2-1 Claudia Riumalló (min. 86); 2-2 Laurina (min. 89).

Árbitra: Melissa López Osorio (c. estremeño). Cartón amarelo a Leire (min. 16), Zafra (min. 72) e ao banco do Dépor ABANCA (min. 89).

Incidencias: partido correspondente á 26ª e última xornada de Primera Federación Iberdrola disputado na Cidade Deportiva Andrés Iniesta.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK