RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Irene Ferreras: É o ascenso do proceso, da insistencia, de resistir nos momentos complicados

Irene Ferreras manifestou na sala de prensa de Abegondo que está "moi feliz, tentando dixerir todo o que está a pasar. Levas moito tempo imaxinándoo pero cando pasa cústache asimilalo. Foi un camiño longo. É o ascenso do proceso, da insistencia, de resistir nos momentos complicados. É moi bonito que estas cousas pasen porque xera impacto na xente e a mensaxe é o de non renderse, tentalo, darlle continuidade ás cousas. Estou moi contenta de transformar as bágoas do ano pasado. Dicía que o volveriamos a tentar, que iamos transformar esas bágoas de tristeza en alegría. Non é fácil facelo, fixémolo e súper contenta, súper feliz por todo o mundo, por todo o deportivismo, polo Club, por #ANOSAFORZA. Se tiñamos que esperar un ano para que fóra desta maneira mereceu a pena porque demos un recital de arroupar ao equipo feminino na cidade. Estou agora mesmo en shock".

A adestradora deportivista cualificou de "incrible" a nova marca de asistencia en Primera Federación, con máis de 14.000 persoas nas bancadas de ABANCA-RIAZOR: "É unha tolemia. Como vivides aquí o fútbol é alucinante e estou especialmente feliz porque no deporte feminino conséguense moitos éxitos, moitos logros que logo non teñen visibilidade. Que isto puidese ser con este envoltorio é un recoñecemento a estas deportistas que levan moito tempo dándoo todo. O bonito de conseguir as cousas é compartilas e hoxe puidémolo compartir con moitísima xente. Só teño palabras de agradecemento. Foi precioso. O que creamos hoxe aquí vai quedar na retina de todos nós. É unha mostra máis do que é o deportivismo. Quítome o chapeu. É unha tolemia".

Co 2-0, afirma que foi "un momento de éxtase, de descargar a tensión das últimas semanas. Vistes como xoga o equipo cando está tranquilo. Foi un partido moi completo. Vin ás xogadoras gozar de verdade, sentirse cómodas no campo. Hoxe sentín moito orgullo polo que fixeron. Estou contenta porque desde dentro o puideron gozar como se merece. E iso é o mellor".

Irene Ferreras resalta que a sensación da temporada "é dun equipo que sabe competir, que se ía a sobrepor ás situacións complicadas. Esta temporada, a diferenza da anterior, fomos máis estables. Foron partidos moi igualados, que nos permitiron aprender de moitas cousas, adquirir moitas experiencias e soportar momentos de tensión. Mantivémonos unidos, mantivemos a calma cando podía haber dúbidas". "Cando as cousas saen fáciles non somos capaces de valoralas o suficiente. E isto custou moitísimo. Que ninguén se pense que isto foi fácil. Hai moitísimo traballo detrás; hai moitos momentos desagradables, moi complicados, pero co apoio do Club, de #ANOSAFORZA conseguimos un éxito que é de todos. Estamos onde se merece este Club e esta afección, que é en Primera División. Agora a gozar", conclúe.

Finalmente, a nivel persoal sente "liberada porque nesta profesión suxeitas a emoción de moitas persoas, sabendo que o teu traballo é o mesmo aínda que ás veces os resultados non che dan a razón. Sinto liberada por poder ver e sorrir a toda a xente que nos seguiu e estaba a formar parte disto".